+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019

A XUNTA COMEZA A VINDEIRA SEMANA AS OBRAS DE CONSTRUCIÓN DA NOVA RESIDENCIA DE CERDEDO, DOTADA CON 48 PRAZAS


O edificio contará con 24 habitacións dobres en dúas prantas e situarase en dúas parcelas lindeiras ao actual centro de maiores

O Consorcio Galego de Igualdade e Benestar vai comezar a vindeira semana as obras de construción da nova residencia da terceira idade de Cerdedo, tal e como se anunciara na presentación do proxecto celebrada o pasado mes de agosto coa presenza do xerente da entidade, Perfecto Rodríguez; o presidente municipal, Jorge Cubela; e membros do goberno local.

O novo xeriátrico público, que contará con 48 prazas e disporá a posibilidade de que o Concello reserve algunha para a atención aos veciños que a poidan precisar, foi adxudicado á empresa Ogmios Proyecto e ten un orzamento de 1,7 millóns de euros cun prazo de execución de 12 meses, polo que se agarda que estea en funcionamento a comezos de 2020.

A obra foi contratada por 1,45 millóns de euros, polo que a Xunta ten previsto adicar os 250.000 euros da baixa ás direccións de obra, estudos, equipamentos e dotación de mobiliario, completando así a partida destinada a este novo xeriátrico.

A futura residencia disporá de 24 habitacións dobres en dúas prantas e numerosos espazos comúns e de servizos e edificarase en dúas parcelas lindeiras ao actual centro de maiores, unha das cales xa era propiedade do Consorcio e outra foi conseguida polo Concello e posteriormente posta a disposición da Xunta.

Unha vez rematada esta importante actuación, a actual residencia reconverterase exclusivamente en centro de día cunha oferta de trinta prazas, o que permitirá completar a modernización da rede xeriátrica da localidade con 78 prazas nas dúas modalidades: residentes e atención diurna.

A maiores, o goberno dirixido por Jorge Cubela xa está impulsando a terceira fase das infraestruturas sociais para as persoas maiores e dependentes co desenvolvemento, actualmente en fase administrativa e de redacción de proxectos, dun Plan Especial de Dotacións para a construción dunha nova residencia con 59 prazas en Carballedo.

Cubela destacou a “gran importancia” do investimento que a Xunta vai acometer no municipio, “xa que oriéntase especialmente a conferir a mellor atención á xente maior, algo que é fundamental para un concello coma o noso cun índice de envellecemento elevado, sobre todo nas zonas máis alonxadas de Pontevedra”. Así mesmo, e tras agradecer a aposta da Xunta e de Perfecto Rodríguez por este proxecto, quixo resaltar que Cerdedo-Cotobade contará a medio prazo, cando se constrúa a residencia de Carballedo, con case 140 prazas para maiores.

Deja un comentario