+034 986 09 02 04 Mércores 20 de Novembro de 2019

PONTE CALDELAS LEVA A LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO A TODOS OS ÁMBITOS DA SOCIEDADE CALDELÁ


A iniciativa #EuTomoParte involucra con distintas actividades aos centros educativos, ao tecido comercial e á veciñanza

A loita contra a violencia de xénero, cun enfoque centrado na prevención dende a educación social, será protagonista en Ponte Caldelas durante os próximos meses. O Concello pon en marcha un amplo programa de actividades encadradas dentro da iniciativa #EuTomoParte.
O programa comezou xa co alumnado de Primaria dos colexios Cordo Boullosa e A Reigosa, así como o instituto de Ensino Secundario. Ao longo dos próximos meses continuará con actividades dirixidas ao comercio local, ás mulleres e, finalmente, a toda a veciñanza en xeral, con especial intensidade durante a semana do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
O Concello de Ponte Caldelas accedeu ás subvencións da Deputación de Pontevedra para Fomento da Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero. A súa solicitude acadou a máxima axuda contemplada nas bases, cun importe de 6.000 euros.
Nas charlas dos centros educativos estase a traballar sobre a conceptualización da violencia de xénero. Nas próximas semanas, en colaboración co profesorado, convocaranse concursos de debuxo. As imaxes seleccionadas distribuiranse polos comercios locais e os locais de hostalería e tamén serán obxecto dunha campaña nas redes sociais, reforzada co hashtag da campaña.
A segunda etapa, xa nos meses de novembro e decembro, diríxese especificamente ás mulleres vítimas da violencia e abordaranse cuestións como o empoderamento no emprego.
A terceira e última fase terá especial intensidade durante a celebración do 25-N e fará fincapé na visibilización do problema utilizando o recurso dos debuxos e organizando actos específicos. Ademais haberá outro tipo de cartelería, protagonizada por persoas concretas de Ponte Caldelas que se presten a colaborar e que servirá para difundir mensaxes orientadas a desmontar os tópicos sobre a violencia de xénero.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) anima a toda a sociedade caldelá a sumarse a esta campaña e a participar nas distintas actividades co obxectivo de alertar sobre un problema moi arraigado e que nos afecta a todos/as e que non é alleo a ninguén.

Deja un comentario