+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A RÚA JOSÉ DEL RÍO EN MARÍN ESTREARÁ NOVA IMAXE NUN MES


O deputado Uxío Benítez visitou hoxe as obras da Deputación e constatou o grande avance realizado pola adxudicataria

 

A rúa José del Río en Marín estreará nova imaxe aproximadamente nun mes. Así o manifestou o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, na visita realizada hoxe ás obras de mellora da mobilidade peonil e seguranza viaria impulsadas pola Deputación de Pontevedra en convenio co Concello de Marín.

Benítez, acompañado pola alcaldesa María Ramallo, destacou que salvo complicacións coa climatoloxía os traballos rematarán incluso antes do prazo de execución previsto inicialmente, xa que están realizadas todas as canalizacións soterradas de servizos, está feita a cimentación e colocado xa parte do lousado en pedra. A vindeira semana colocarase a nova pasarela sobre o río Lameira que permitirá que a beirarrúa da marxe esquerda discorra sen interrupcións, creando un itinerario peonil continuo. Despois realizarase a mellora do firme, a colocación de pasos de peóns sobreelevados, a plantación das árbores e a colocación do mobiliario urbano, xunto coa instalación da sinalización vertical e horizontal.

O deputado comprobou ‘in situ’ hoxe o alto grao de execución da obra, e lembrou que foi froito dun convenio de colaboración entre Deputación e Concello de Marín cun orzamento de máis de 240.000 euros. Subliñou que para a Deputación vai significar un exemplo de como actuar nunha contorna urbana ao igual que xa o é Luís Rocafort en Sanxenxo: “Ambas son actuacións nas que se buscan estándares de calidade urbana e se procura garantir por riba de todo que os espazos públicos son para as persoas e a seguranza viaria. José del Río será un exemplo do que botar peito e que poderemos mostrar para facer nun futuro noutras estradas provinciais desta tipoloxía, que rematan nun núcleo urbano ou que que quedaron dentro das vilas polo seu crecemento”, destacou, para engadir que “para nós é unha satisfacción ver o grao alto de avance e a calidade nos detalles, aínda que polo de agora non se poden ver todos”.

Hai que lembrar que o proxecto para reformar José del Río (redactado polo Concello de Marín) tivo que ser reformado para adaptarse aos novos criterios da Deputación de Pontevedra, que estableceron que as novas beirarrúas debían ter en todos os casos 2,5 metros de largo. Así mesmo, incluíuse a construción da pasarela peonil e apostouse por renovar o saneamento para evitar verquidos no colector do río Lameira, construíndo novas acometidas de saneamento que terán que ser conectadas nun futuro, e unha rede nova de abastecemento de auga cun ramal por cada lado da rúa.

Na visita a alcaldesa María Ramallo manifestou que a obra en José del Río “vai cambiar radicalmente o aspecto da rúa, que é practicamente urbana pero non deixaba de ser parte da estrada provincial que vai ata Seixo”. A ‘popular’ subliñou que hoxe quedaron resoltas algunhas cuestións técnicas e dúbidas de remates: “Penso que é unha mellora importante e esta zona que é eminentemente urbana vai ter uns servizos renovados, firme, beirarrúas e encontros dos propios pasos de peóns. Levamos tempo traballando neste proxecto que hoxe vemos impulsado e cercano a ser disfrutado por todos”, motivo polo que agradeceu o traballo realizado polo departamento de Mobilidade da Deputación.

Deja un comentario