+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019

PONTE CALDELAS HOMENAXEOU AO VOLUNTARIADO AMBIENTAL QUE PROTEXEU O SOLO QUEIMADO NOS LUMES DO 15-O


Un total de 82 das case 200 persoas que participaron na campaña municipal de “mulching” acudiron aos actos institucionais

O Día Internacional do Voluntariado celébrase o 5 de decembro, pero Ponte Caldelas celebrou o que deu en chamar o Día Local do Voluntariado, o 15 de outubro, primeiro aniversario do “domingo negro” que varreu o municipio e calcinou 2.900 Hectáreas, un terzo da superficie municipal, causando un enorme dano ambiental e patrimonial.
O Concello de Ponte Caldelas organizou un acto institucional coincidindo coa “efeméride” e invitou a participar, por medio de chamadas telefónicas personalizadas, a todos/as os voluntarios/as que participaron naquela “Operación mulching”. Unha campaña que foi nova de apertura en todas as canles de televisión españolas, así como na meirande parte dos medios de comunicación galegos. Das case 200 persoas que aqueles días botáronse ao monte para esparexer palla sobre o solo queimado, un total de 82 asistiron onte á Casa da Cultura.
O sinxelo acto institucional, a cargo do Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG), foi unha homenaxe colectiva, que quedou simbolizada coa entrega da insignia do Concello a todos os asistentes. Na declaración institucional, lida polo alcalde, Andrés Díaz, púxose en valor os positivos efectos daquel traballo, non só polos resultados ambientais, senón tamén polo exemplo de compromiso social que un pequeno municipio, de 5.700 habitantes, deu a toda España, un berro colectivo para reclamar outro modelo de xestión forestal.
O colectivo ecoloxista A Rente do Chan, xurdido en Ponte Caldelas despois dos lumes, explicou os datos dun estudo científico realizado para evidenciar os efectos do “mulching”. Gabriel Zas, quen admitiu ter sido escéptico da eficacia desta técnica, destacou que o tratamento con palla evitou que 700 toneladas de cinzas acabaran nos ríos e presentou evidencias que indican que mentres o monte sen tratar perde unhas 21 toneladas de solo vexetal por hectárea, o monte tratado só perde 1 tonelada (un 97% menos).
A homenaxe concluíu coa inauguración da exposición “Palla e Centeo”, que amosa os efectos ben visibles, poucos meses despois, nas áreas de Ponte Caldelas tratadas con palla, centeo e landras de carballo.

Deja un comentario