+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

FONT PIDE A RUEDA “QUE DEIXE DE MENTIR E CONFUNDIR” E ASUMA “DUNHA VEZ POR TODAS O PAPEL CLAVE DA DEPUTACIÓN TRALA EXPLOSIÓN EN TUI”


“Xa volvemos ás andadas, en Galicia temos un vicepresidente da Xunta que se dedica a facer oposición ao goberno da Deputación de Pontevedra”, asegurou o deputado provincial

Font botou de menos o anuncio da dimisión de Gonzalo Durán. “Hoxe todo o mundo cuestiona cales son os motivos que fan que o protexa continuamente. ¿Algo que dicir, señor Rueda?”

O voceiro do goberno da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, amosou a súa indignación ante as declaracións realizadas onte en Tui polo vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Font pediu a Rueda “que deixe de mentir e confundir, que xa estamos fartos” e que asuma “dunha vez por todas o papel clave da Deputación trala explosión en Tui, xa que non temos obrigas neste eido e nos implicamos desde o minuto un máis aló das nosas competencias”.

O deputado provincial manifestou tamén o papel que “asumiu” Rueda ante a Deputación de Pontevedra. “Xa volvemos ás andadas, en Galicia temos un vicepresidente da Xunta que se dedica a facer oposición ao goberno da Deputación de Pontevedra”. Neste eido, Font incidiu en que “non nos estraña, xa sabemos quen está detrás de todas as barbaridades que vai soltando o PP, que é a voz oculta de todo o que está facendo o Partido Popular na provincia de Pontevedra”.

Segundo recordou o deputado provincial, o goberno da Deputación de Pontevedra puxo a disposición do concello de Tui, trala explosión de Paramos, a seis asistentes sociais, dous xuristas, unha arquitecta e un economista para asesorar e axudar ás persoas afectadas e ao propio concello. Amais, tanto deputadas e deputadas como persoal directivo da institución provincial estivo a disposición do goberno municipal, asistindo a reunións e propondo xestións ao concello.

O deputado tamén informou que “recentemente, e a petición do concello de Tui, acaban de rematar as súas tarefas no concello un asistente social e dous aparelladores que acudían dous días á semana ata a vila”. Neste eido, Font reiterou que “este persoal segue a disposición do concello, por se precisase algunha nova xestión ou modificacións das memorias valoradas que realizaron os aparelladores”.

Amais, dende setembro, tal e como informou Carlos López Font, dúas persoas arquitectas seleccionadas pola Deputación de Pontevedra están a desenvolver a súa actividade no propio concello de Tui. “Un amplo equipo de persoas que, na súa totalidade, financiamos e seguimos a financiar desde a Deputación de Pontevedra, incluíndo desprazamentos e dietas”, asegurou o deputado.

Font tamén recordou que o concello de Tui, e concretamente a localidade de Paramos, está a beneficiarse do Plan de Remodelación e Mellora de Seguridade dos Viarios Municipais, máis coñecido como “DepoRemse”. “Estamos a achegar medio millón de euros, nada máis e nada menos, para mellorar o núcleo da Torre, en Paramos, polo que, mal que lle pese a Rueda, a implicación da Deputación de Pontevedra con este concello trala explosión da pirotécnica é incuestionable”, asegurou o voceiro do goberno provincial.

Pola súa banda, o deputado aproveitou a ocasión para recordar que Rueda “vai de vendedor a Tui pero regalar non regala nada, fai o que ten que facer. É a súa obriga e as súas competencias e, polo tanto, só faltaría que non as cumprise”. Sen embargo, Font si botou en falta, na visita que fixo onte o vicepresidente á provincia de Pontevedra, que non tivese anunciado a dimisión de Gonzalo Durán. “Hoxe todo o mundo se fai a mesma pregunta –asegurou o voceiro do goberno provincial-, todo o mundo cuestiona cales son os motivos que fan que o protexa continuamente. ¿Algo que dicir, señor Rueda?”

Deja un comentario