+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019

A PANORAMA HALLOWEEN PARTY ESTRÉASE COMBINANDO O GRAN ESPECTÁCULO DESTA ORQUESTRA CON DISFRACES E OUTRAS ACTUACIÓNS


O GRUPO BOMBA E A DISCOTECA MÓBIL EME MUSIC, COS DJS MARCOS MAGÁN E WILL PÉREZ, ACOMPAÑARÁN Á RECOÑECIDA FORMACIÓN NESTA NOVA CITA MUSICAL QUE TERÁ LUGAR O DÍA 31 DE OUTUBRO

A Feira Internacional de Galicia ABANCA acolleu esta mañá a presentación dun novo evento musical que se celebrará no recinto feiral o 31 de outubro, a Panorama Halloween Party.

Durante o acto Jorge Silva, da empresa Piñeiro Pub, organizadora do evento, detallou distintos aspectos do mesmo, como o horario e orde de actuación dos participantes desta primeira edición, que “seguro terá continuidade” e da que subliñou o seu “cartel de alta categoría” conformado pola orquestra Panorama, a discoteca móbil Eme Music con sesións dos djs Marcos Magán e Will Pérez e, “como invitado”, o grupo canario Bomba. Así mesmo, destacou que haberá “entrada única en taquilla” cun prezo de 5 euros, se ben os menores de 12 anos poderán entrar de forma gratuíta acompañados un adulto, e que o aparcadoiro será de acceso libre e estará vixiado. Indicou tamén que terá un aforo sobre 8.000 persoas que “sería estupendo encher”.

Pola súa banda, Pablo Alonso, representante da orquestra Panorama, considerou “un luxo” formar parte do evento para “case rematar” nas súas instalacións unha xira que percorreu case toda España cunha montaxe totalmente nova que cualificou como “de alto nivel, máis que outros anos”. Tamén avanzou algúns aspectos da actuación desta formación na Panorama Halloween Party, sobre a que dixo que conta cun atrezzo e un despregamento técnico “impresionantes” e que “non hai un momento de aburrimento”.

Ademais, participaron Marcos Lemos, da discoteca móbil Eme Music, e o picadiscos Marcos Magán, quen se mostrou encantado que compartir un cartel de luxo cunha orquestra “superlativa” como Panorama e cun grupo como Bomba e de aportar o seu gran de area. Neste sentido, fixo fincapé en que se nota cada vez máis que as discotecas móbiles “comezan a formar parte da verbena”. Ademais, considerou que esta cita musical será “un exitazo” polo nivel das actuacións e as instalacións e polo prezo “irrisorio” para un evento desta categoría.

Tamén estivo presente no acto o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, quen dixo que cada vez o pavillón está máis preparado, tanto pola estética como por la acústica, para acoller eventos musicais, e que este é o terceiro que con vocación de permanencia se suma á lista de eventos da Fundación. A concatenación dunha party informática como a XGN R Encounter, un festival como o Panorama Halloween e unha feira como ExpoBus, todo isto mentres se celebra a Central Agropecuaria semanalmente sen ningún tipo de problema, é para Durán un “exemplo da multifuncionalidade e versatilidade” do recinto.

Horarios e actuacións

Esta nova proposta musical abrirá as súas portas ás 21.30h e dará comezo en torno ás 22.00h, para rematar sobre ás 07.00h do 1 de novembro. A primeira das actuacións será a cargo da discoteca Eme Music e os seus djs, para logo seguir o grupo Bomba. A continuación terá lugar o primeiro pase da orquestra Panorama, o segundo de Bomba e, de novo, Panorama, que nos dous pases sumará tres horas de espectáculo. Os picadiscos de Eme Music, Marcos Magán e Will Pérez, serán os encargados de pechar a party.

A Panorama Halloween Party terá lugar no pavillón 1 do recinto feiral, o cal, como é habitual neste tipo de eventos, contará con climatización e servizos de restauración e roupeiro.

Premios aos mellores disfraces e viaxe a Tenerife

A noite de Samaín deixarase notar no evento cos premios que se entregarán aos mellores disfraces, valorados en 500 euros, polo que Jorge Silva invitou durante a presentación a que “a xente veña disfrazada”. Haberá un xurado que se mesturará entre os asistentes para valorar as mellores caracterizacións, ás cales se recoñecerá con 10 vales de 50 euros para produtos de informática e electrónica.

Ademais, entre todas as entradas e tickets de consumicións sortearase un viaxe de cinco días e catro noites a Tenerife.

Deja un comentario