+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O MUSEO DE PONTEVEDRA ACOLLE A PRIMEIRA EXPOSICIÓN SOBRE O ‘SABIO DE CALDAS’ NO ESTADO


Inclúe 15 obras inéditas descubertas durante a investigación para esta exposición, entre as que destacan un mapa do centro de Colombia e o primeiro perfil fitoxeográfico a nivel mundial
‘Francisco José de Caldas, “el Gallego” das ciencias en Colombia e Ecuador’ foi inaugurada esta tarde e permanecerá no Sexto Edificio ata o 18 de novembro
“Esta exposición é de vital importancia para dar a coñecer en Galicia un gran científico de talle universal, tal e como ten recoñecido a Unesco, e ao mesmo tempo tamén está suscitando un enorme interese entre a comunidade científica colombiana polo descubrimento do gran número de traballos inéditos, que constitúen un gran patrimonio cultural para Colombia e Ecuador, os países nos que traballou o que coñecemos como o “Sabio Caldas”, así explicaba o comisario Xavier Ballbé a relevancia desta mostra durante o acto de inauguración desta tarde. Na apertura participaron tamén o director do Museo, Carlos Valle, o alcalde de Caldas de Rei, Juan Manuel Rey, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal. Tamén estivo presente unha ampla delegación de académicos e investigadores colombianos, encabezada polo presidente da Academia Colombiana de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales, Enrique Forero, que tamén asistía en representación do Ministerio de Cultura de Colombia y Colciencias.
‘Francisco José de Caldas, “el Gallego” das ciencias en Colombia e Ecuador’ reúne no Sexto Edificio 57 obras orixinais de Francisco José de Caldas, entre as que destacan 15 inéditas que foron localizadas no transcurso das investigacións da propia mostra. Ademais, esta é a primeira exposición dedicada a Francisco José de Caldas no Estado español e coincide coa conmemoración do 250 aniversario do seu nacemento. A este respecto, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, asegurou que “desde hoxe e ata o vindeiro 18 de novembro este Museo é o gran referente internacional ao redor da figura dun gran científico ilustrado universal de orixe pontevedresa”. O deputado nacionalista indicou que “todo o traballo que hoxe vemos aquí reunido non sería posible sen a colaboración de diversas entidades e de profesionais especializados, que foron capaces de establecer lazos internacionais desde o local, e desde o punto de vista dunha institución coma esta que traballa a prol da difusión histórica, artística e cultural, hoxe é un día de gran satisfacción e do que debemos estar todos e todas moi orgullosas”.
Pola súa banda, o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey comezou dicindo que “hoxe para o noso Concello é un día de alegría e de agradecemento” e tamén aproveitou para felicitar a todas as persoas e institucións que colaboraron e traballaron para facer que esta mostra vise a luz. O rexedor mesmo estendeu os agradecementos ao propio Francisco José de Caldas “por darnos a posibilidade de proxectar Caldas de Reis a nivel internacional, tanto territorialmente como cultural e socialmente”. Por último, Juan Manuel Rey aproveitou para anunciar que “desde o goberno municipal imos traballar para converter a figura de Francisco José de Caldas nun bandeirín de enganche para o desenvolvemento socio económico do noso Concello”. Hai que lembrar que Caldas de Reis xa o nomeara ‘Fillo adoptivo’ en 2016.
Obra inédita
Na exposición preséntanse 57 obras orixinais de Francisco José de Caldas cedidas polo Centro Geográfico del Ejército, o Real Instituto y Observatorio de la Armada de San Fernando (Cádiz), e o Real Jardín Botánico de Madrid (CSIC). A maioría delas preséntanse por primeira vez en público, destacando a serie dos perfís dos Andes. Principalmente trátase de mapas e perfís fitoxeográficos de Colombia e Ecuador, así como debuxos botánicos realizados por Francisco José de Caldas, pero tamén instrumentos de observación astronómica de finais do século XVIII. Tamén se expoñen instrumentos e libros das coleccións do Museo de Pontevedra coetáneas á época de Caldas.
Con motivo da preparación desta exposición localizáronse en diversos arquivos españois máis de 40 documentos inéditos de Francisco José de Caldas, descoñecidos ata agora polos investigadores. Trátase do maior descubrimento de obras orixinais das últimas décadas, de gran importancia pola diversidade das temáticas tratadas e pola calidade das súas realizacións. Destacan especialmente os traballos cartográficos de diversas zonas da actual Colombia, diversos tramos do río Magdalena e algunhas vías de comunicación proxectadas polo propio Francisco José de Caldas.
Entre estas obras inéditas localizadas, atópase o mapa de maior dimensión e de maior calidade de Francisco José de Caldas coñecido ata agora, que representa o centro de Colombia ao norte da cidade de Bogotá, e o debuxo orixinal da nivelación de diferentes cultivos entre Bogotá e Quito, que segundo algúns investigadores sería o primeiro perfil fitoxeográfico a nivel mundial, incluso anterior na súa concepción ao coñecido perfil do volcán Chimborazo elaborado por Humboldt en 1803, con que tiña coincidido un ano antes no Ecuador. Un total de 15 destas obras inéditas expóñense por primeira vez nesta mostra, cedidas polo Centro Geográfico del Ejército.
Segundo explicou Xavier Ballbé “trátase dun patrimonio moi significativo para Colombia e Ecuador, onde desenvolveu os seus traballos Francisco José de Caldas. E tamén para Galicia, pois Caldas era coñecido e asinaba algunhas das súas cartas como “El Gallego”, en referencia á orixe galega de seu pai, nacido en Caldas de Reis, mantendo así un estreito vínculo afectivo coa súa terra de orixe familiar”.
Pontevedrés universal
“Esta mostra conecta moi axeitadamente coa actividade deste Museo, que traballa para difundir e poñer en valor a historia de grandes pontevedreses que son ao mesmo tempo grandes cidadáns universais” asegurou Carlos Valle. O director do Museo afirmou que esta mostra “nos vai servir para descubrir a un compatriota, por ser fillo de galegos, que ademais é un dos grandes científicos de todos os tempos”. Unha idea na que tamén se centrou Xavier Ballbé indicando que “o carácter multidisciplinar de Caldas e a súa visión integral da natureza e do territorio, moi avanzada para a súa época, trasládannos unha mensaxe de plena actualidade a favor dun desenvolvemento equilibrado e sostible”.
A exposición presenta as diversas facetas de Francisco José de Caldas, como foron a súa paixón pola observación, medición e estudo da natureza e do territorio; a súa habilidade como tecnólogo e enxeñeiro e como inventor (hipsometría); como astrónomo (dirixiu o primeiro observatorio astronómico de América, o de Bogotá), como botánico (participou de forma destacada na Expedición Botánica ao Nuevo Reino de Granada dirixida por José Celestino Mutis), como xeógrafo (cartografou boa parte de Colombia e Ecuador), como periodista científico (dirixiu o Semanario del Nuevo Reino de Granada, unha das primeiras revistas de divulgación científica de América), e como membro destacado no proceso de independencia de Colombia en 1810, polo que acabaría sendo fusilado en 1816, cando tiña 48 años.
A exposición no Museo de Pontevedra lembra tamén como Francisco José de Caldas é un símbolo de ciencia, progreso e liberdade en Colombia; e como a súa memoria está moi presente nese país (toda unha rexión leva o seu nome: Departamento de Caldas, no Eje Cafetero). Tamén é un referente da educación pública gratuíta, que xa reclamaba a comezos do século XIX, e por este motivo, dúas universidades públicas, moitos colexios e bibliotecas, levan o seu nome.
A exposición conta coa colaboración do Concello de Caldas de Reis, da Academia Colombiana de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales, do Ministerio de Cultura de Colombia y Colciencias, da Gobernación de Caldas, do Real Jardín Botánico de Madrid (CSIC), así como dun gran número de universidades e institucións universitarias colombianas agrupadas no “Comité Interinstitucional Caldas 250 años”. A UNESCO aprobou na súa Conferencia General asociarse á conmemoración do 250 aniversario do nacemento de Francisco José de Caldas destacando o seu carácter de figura universal representativa para a educación, a ciencia e a cultura.

Deja un comentario