+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

BENÍTEZ PROPÓN EXPORTAR AOS PAÍSES LATINOS O PLAN MÓVESE COMO FERRAMENTA “DE RESULTADOS CONTRASTADOS E INMINENTES” CONTRA A VIOLENCIA VIARIA


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explicou  a aposta provincial polo calmado de tráfico a través de redutores físicos de velocidade no Congreso Iberoamericano de Seguridade Viaria de Perú
O nacionalista anunciou unha terceira edición do Plan MÓVESE para a rede de estradas provincial
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez  o protagonista da delegación pontevedresa no VI Congreso Iberoameriano de Seguranza Viaria (CISEV) cunha intervención na que insta aos representantes dos países latinos a exportar Plan Móvese (Plan de Mobilidade e Velocidade Seguras) da Deputación ao seu territorio como unha ferramenta “concreta, de resultados inminentes e contrastados” para loitar contra a violencia viaria

Benítez explicou que o Plan Móvese, recoñecido xa pola DXT como unha experiencia relevante dende hai dous anos no ámbito da seguranza viaria, pode contribuír a solucionar o grave provema de accidentalidade que sofren países como o Perú, onde as velocidades inaxeitadas unidas a outros factores estruturais de risco elevan o custo dos accidentes de tráfico ao 2% do produto interior bruto, e onde hai o dobre de posibilidades de morrer por un accidente de tráfico que por un homicidio.

O deputado subliñou que a Deputación de Pontevedra leva investido 5,5 millóns de euros neste plan, que é aceptado pola maior parte da cidadanía ao entender que o calmado de tráfico a través de medidas físicas é o modelo máis efectivo para garantir unha maior seguranza viaria e salvar vidas. O nacionalista destacou que o obxectivo do goberno da Deputación dende hai tres anos é claro e está baseado na Estratexia 3.0, fomentando unha mobilidade sostible, segura e inclusiva e lembrou que nos impactos entre vehículos e peóns nove de cada dez persoas sobrevive cando os coches circulan a 30 quilómetros hora, mentres que case ninguén o fai se a velocidade sube a 60 quilómetros hora.

De feito, Benítez anunciou que ante a boa acollida que tivo a primeira fase do Móvese e tamén a segunda (a piques de adxudicarse), o goberno provincial xa traballa nunha terceira edición para a provincia pontevedresa que se desenvolvería no bienio 2019-2020.

Como complemento á súa explicación, Benítez explicou que a Deputación de Pontevedra ten editada unha ‘Guía de espazos públicos e mobilidade amable’ na que se explican os pormenores técnicos dos redutores instalados na provincia galega e repartiu algúns exemplares entre os asistentes, que tamén se interesaron pola versión dixital colgada na páxina web da Deputación. Tamén explicou que a Deputación está a promover Plans de Moblidade Sostible entre os concellos da provincia nos que a seguranza viaria e a aposta pola prioridade ás persoas é unha máxima.

Ademais da súa exposición, Benítez tamén deu a coñecer o vídeo realizado pola Deputación no que, a modo de debate sobre o modelo provincial participan representantes da institución provincial (a presidenta Carmela Silva, o vicepresidente Mosquera e o asesor técnico de Mobilidade Jesús Fole), así co representantes de diferentes colectivos civís como a presidenta de Stop Accidentes en Galicia, Jeane Picard; o membro da asociación Pedaladas, Eusebio Riveiro; o presidente da Confederación Galega de Discapacitados, Anxo Queiruga; ou o presidente da FANPA de Pontevedra, Roxelio Carballo.

DXT
A conferencia do deputado de Mobilidade serviu –en canto a contido- como continuación do relatorio do presidente do Observatorio da Dirección Xeral de Tráfico, Álvaro Gómez, que na xornada de onte manifestou a importancia de que os políticos latinoamericanos “fagan bandeira” da seguranza viaria e garantan a existencia de persoal técnico que continúe políticas de maneira sostida.

Gómez recalcou, na liña do goberno provincial pontevedrés, que o 46% das vítimas en accidentes (sobre todo nas cidades) pertencen a colectivos vulnerables, e na necesidade de que países en desenvolvemento desenvolvan planificacións estratéxicas de actuación. En calquera caso, o responsable da DXT manifestou a súa aposta por aplicar ferramentas resolutivas en lugar de plantexar quimeras que quedan en papel mollado: “máis valen dez medidas concretas que non acadar ningún resultado. Os plans de seguranza viaria están cada vez máis en entredito, por iso é fundamental e máis práctico que as cidades e vilas leven adiante Plans de Mobilidade Sustentable, promovan os transportes peonís e en bicicleta, e fomenten a redución das velocidades”, dixo, concordando coa política e modelo da Deputación de Pontevedra.

Deja un comentario