+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O PRESIDENTE DO INSTITUTO VIAL IBEROAMERICANO INCLÚE O MODELO DE MOBILIDADE DA DEPUTACIÓN NA ‘LISTA DE ÉXITOS’ MUNDIAL CONTRA A VIOLENCIA VIARIA


A proposta de priorizar as estradas e os espazos públicos para as persoas e apostar polo calmado de tráfico a través de redutores espertou “euforia” entre a concorrencia do Congreso de Seguridade Viaria de Perú
Carmela Silva e Uxío Benítez recibiron un recoñecemento polas súas exposicións avalado polo Instituto de Formación Profesional e Investigacións da ONU
O modelo de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, baseado na prioridade total para as persoas nas estradas e espazos públicos así como no calmado de tráfico para evitar a sinistralidade, foi cualificado como “un clásico na ‘lista de éxitos’ mundial contra a violencia viaria” polo presidente do Instituto Vial Ibero-Americano (IVIA), Jacobo Díaz Pineda, durante o Congreso de Seguranza Viaria que hoxe remata en Perú.

Díaz Pineda instou aos representantes das administracións e consultoras presentes no congreso a tomar nota e a incluír na súa axenda as medidas adoptadas pola Deputación, pero non foi o único que louvou o traballo feito en Pontevedra: Os propios participantes e conferenciantes do encontro iberoamericano recibiron con verdadeira euforia as propostas pontevedresas, felicitando á presidenta Carmela Silva e ao deputado Uxío Benítez tanto en privado como publicamente en diferentes paneis de debate.

Deste xeito, membros do comité científico do Congreso chegados dende México, Costa Rica, Argentina, Ecuador, Panamá, Chile e Perú, entre outros, mostraron a súa intención de buscar a fórmula para adaptar o modelo pontevedrés aos seus territorios. Sen dúbida, o máis efusivo admirador do modelo pontevedrés foi o conselleiro do Plan Urbano Ambiental de Bos Aires e investigador do Centro de Estudos de Mobilidade Sustentable da Facultade Rexional de Avellaneda, dentro da Universidade Tecnolóxica Nacional de Arxentina, Fernando Verdaguer.

O arxentino foi moi crítico cos poucos avances realizados en América Latina en materia de seguranza viaria e destacou que a última década estivo perdida porque “se fixeron mal as cousas”. Sen embargo, puxo o foco de maneira enérxica no modelo Pontevedra da Deputación: “Uno ve Pontevedra y dice ‘¡Alguien la ha pegado!’. Quiero ir con mis alumnos de la facultad a Pontevedra. No quiero ir a Suecia, a esos lugares raros… No, no, no. Quiero ir a ver como cuatro tipos con compromiso (…) han arreglado las cosas. ¡Se puede hacer! La solución está más cerca. No miremos tanto a Miami y miremos más a Pontevedra. El horizonte no está tan lejos: hace falta más compromiso político que técnica”, subliñou.

Verdaguer, ademais das súas loas a Pontevedra, criticou moitas das perspectivas sobre seguranza viaria que só teñen en conta a visión dende o vehículo particular –como ocorre cos Estados Unidos-, e manifestou que o dereito a utilizar a vía pública non depende de “cuan grande tengo el coche”. “El problema es que los autos pisan a los peatones, y lo que realmente mata es el auto… El modelo del vehículo particular ya no es sostenible”, destacou.

Tanto a presidenta Carmela Silva como o responsable provincial do departamento de Mobilidade Uxío Benítez mostráronse moi agradecidos ante as continuas mostras de recoñecemento ao traballo realizado nos tres últimos anos, e facilitaron os contactos institucionais para recibir en Pontevedra a todas as delegacións latinas interesadas en coñecer ‘in situ’. Tamén repartiron exemplares da ‘Guía de espazos públicos e mobilidade amable’ e instaron á súa consulta dixital na páxina web da Deputación. Por outra parte, a súa participación no VI CISEV foi agradecida cun recoñecemento avalado polo Instituto para a Formación Profesional e Investigacións da ONU (UNITAR).

Deja un comentario