+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Novembro de 2018

A CAMPAÑA DE VACINACIÓN ANTIGRIPAL DA CONSELLERÍA DE SANIDADE COMEZARÁ O VINDEIRO LUNS 22 DE OUTUBRO NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA


Desenvolveráse ata o 28 de decembro e poderán vacinarse en 250 puntos da xeografía provincial as persoas de 60 ou máis anos e persoas de 6 meses a 59 anos con algunha patoloxía crónica
A Consellería de Sanidade inicia o vindeiro luns 22 de outubro na provincia de Pontevedra a campaña de vacinación antigripal, que durará ata o vindeiro 28 de decembro. Cóntase con 250 puntos de vacinación, repartidos en centros de saúde e consultorios, centros hospitalarios públicos, hospitais e consultas médicas privadas; residencias e centros para a terceira idade; unidades asistenciais de drogodependencias; centros penitenciarios e centros de atención a discapacitados.

Este ano, baixo o lema Contaxia a túa enerxía e non a gripe,a Consellería de Sanidade adquiriu un total de 608.000 doses, 48.000 máis que a pasada campaña, e destinou un orzamento que ascendeu a 2.183.220 euros, 226.980 euros máis que no ano 2017.

Dese total de 608.000 doses de vacinas antigripais, 325.000 delas corresponden á vacina antigripal convencional; 260.000 doses son de vacina adxuvada, e 23.000 doses son de vacina tetravalente.

Tres tipos de vacina
Unha das novidades da campaña deste ano é a utilización da vacina antigripal tetravalente, que se vai empregar en dous grupos de poboación: nas mulleres embarazadas e nos menores de 15 anos que presenten algunha condición de risco.

Ademáis desta vacina tetravalente, durante a campaña 2018 empréganse outros dous tipos de vacina. Unha delas é a vacina convencional, que é unha antigripal inactivada de antíxenos de superficie e que pode ser utilizada a partir dos 5 anos de idade. A outra das vacinas empregadas é a de antíxenos de superficie inactivados con adxuvante indicada para as persoas de 75 ou máis anos e para as ingresadas en residencias de 65 ou máis anos xa que esta vacina ten unha maior inmunoxenicidade, para os que xera unha resposta inmune máis potente neste grupo de persoas cun maior risco de complicacións.

 

 

Poboación diana e obxectivos específicos
A vacinación ofértase gratuitamente para as persoas de 60 ou máis anos, residentes en institucións pechadas de calquera idade, mulleres embarazadas e tamén para aquelas persoas entre 6 meses e 59 anos con factores de risco que os predispoñen a padecer complicacións derivadas da gripe. Ademais, ofértase a persoas que lle poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións (entre os que se atopan os traballadores sanitarios) e tamén para persoas que desenvolven servizos esenciais para a comunidade.

A vacina antigripal non so evita casos senón que diminúe a frecuencia de complicacións derivadas desta enfermidade e, tamén, o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe.

Os obxectivos específicos son acadar unha cobertura na poboación de 60 a 64 anos igual ou superior ao 35%, conseguir unha cobertura na poboación de 65 ou máis anos igual ou superior ao 65%, e acadar unha cobertura superior ao 40% nos traballadores sanitarios do Servizo Galego de Saúde e nas mulleres embarazadas.

Melloras para profesionais e usuarios
Os profesionais sanitarios contarán este ano con informes mensuais sobre a cobertura da vacinación antigripal por cupo, o que lles permitirá contar con información personalizada. A Consellería de Sanidade ten activa tamén unha web temática como o principal portal de información para a sociedade e os profesionais, na que se actualiza toda a información técnica e os datos de evolución da campaña.

Así mesmo, todos os usuarios da aplicación informática VACGAL recibirán os avisos do inicio da campaña. Esta ferramenta, unha App gratuita da Consellería de Sanidade, iniciouse en abril deste ano poñendo a disposición da cidadanía información fiable e personalizada sobre o calendario vacinal por medio dos seus dispositivos móbiles.

A partir da terceira semana da campaña, tamén se desenvolverá o programa de promoción da vacinación antigripal mediante chamada activa. Os profesionais de enfermería chamarán á poboación dentre 65 e 74 anos que non teña posta a vacina ata esa data da campaña. Ademáis establécense axendas de citación especial para vacinación e realizaráse vacinación aos enfermos crónicos nas visitas a domicilio.

Vacinación nas EOXI´s
Na área de Xestión Integrada -EOXI- de Pontevedra-O Salnés administráronse na pasada campaña de 2017 un total de 53.529 doses. Delas, 37.505 correspondéronse con maiores de 65 anos, nos que se acadou unha cobertura do 56%.

Por outra banda, na área de Xestión Integrada -EOXI- de Vigo administráronse na pasada campaña de 2017 un total de 95.221 doses antigripais. Desa cifra, 64.477 correspondéronse a maiores de 65 anos, nos que se acadou unha cobertura do 54% da poboación diana.

Ditas coberturas do pasado 2017 representan un incremento en dous puntos con respecto aos datos de 2016 nambas áreas de Xestión Integrada.

Incremento vacinal dos profesionais sanitarios
Así mesmo, a porcentaxe provincial de profesionais sanitarios -persoal médico e persoal de Enfermería- vacinados amosou un considerable aumento na tempada de 2017, pasando dunha cobertura global en persoal sanitario do 34% en 2016 ao 39% acadado a pasada campaña.

Na área de Xestión Integrada de Pontevedra-O Salnés acadouse o pasado ano unha cobertura global do 45% entre todo o seu persoal sanitario, mentres que na campaña do 2016 fóra dun 31%.

En Atención Primaria de Pontevedra e O Salnés, a porcentaxe de cobertura vacinal en 2017 dos profesionais foi dun 49% mentres que en Atención Hospitalaria rexistrouse unha cobertura de vacinación dun 43%, o que supón un incremento porcentual de 15 puntos con respecto a 2016.

Na área de Xestión Integrada de Vigo acadouse o pasado ano unha cobertura vacinal global do 36% entre todo o seu persoal sanitario, mentres que na campaña do 2016 fóra dun 28%.

Concretamente, nos centros de Atención Primaria a cobertura de vacinación antigripal acadada o ano 2017 polos profesionais da área sanitaria viguesa foi dun 46%, mentres que na campaña de 2016 fóra dun 40%.

No que atinxe á Atención Hospitalaria, a cobertura vacinal dos traballadores da EOXI de Vigo acadou o pasado ano 2017 un 31%, o que supón un incremento de 9 puntos porcentuais con respecto ao dato de 2016, que foi entón dun 22%.

Deja un comentario