+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019

A AXENCIA DE LECTURA DE MEIRO CELEBRA O SEGUNDO ANIVERSARIO DA SÚA REAPERTURA


Este mes de outubro é especial para a Axencia de Lectura de Meiro, pois celebra o segundo aniversario da súa reapertura e faino por todo o alto, cunha programación cultural na que se combinan actividades para todos os públicos

O próximo evento celebrarase o martes 23 ás 20h, cando terá lugar a presentación de Querido H.P. Lovecraft, obra gañadora do I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica, nun acto no que estará presente o autor, Antonio Manuel Fraga, acompañado de Daniel Chapela.
“A xoia da programación” será o acto de aniversario que terá lugar o venres 26 ás 20h e que contará cun recital no que estarán presentes gran parte dos e das poetas do Morrazo (Míriam Ferradáns, Ismael Ramos, Dani Costas, Xosé M. Millán e Luís Chapela), ademais do micro aberto. O acto complementarase cunha pequena peza teatral e coa entrega do Premio Embaixadora da Cultura, impulsado este ano dende a Asociación Veciñal A Morada e que recaerá nunha persoa nova vencellada coa cultura e coa Aldea de Meiro.
Como peche da programación, o sábado 27 a partir das 16h o recinto da Morada acollerá un magosto con xogos populares de balde. Ademais, este ano complementarase cun torneo de Tiro á chave por parellas mixtas, que se celebrará no mesmo lugar ás 17h e para o que será necesario realizar unha inscrición de balde ata media hora antes de comezar o torneo. O agasallo para as tres mellores parellas será unha cea en Casa María (Ermelo).
Ademais, neste mes de outubro a Axencia está contribuíndo á difusión de versos de oito poetas galegos, polo que exporán en múltiples locais de Bueu, nos institutos e na propia rúa, a obra de Gonzalo Hermo, Míriam Ferradáns, Lucía Novas, Tamara Andrés, Ismael Ramos, Alfonso Láuzara, Xosé M. Millán e Francisco Cortegoso.
Durante estes dous anos, a Axencia logrou ampliar as súas actividades, organizando presentacións literarias, recitais poéticos, obradoiros, rutas de sendeirismo… Ademais consolidouse o club de lectura mensual, polo que xa pasaron escritores como Inma López Silva, Xosé Monteagudo, Antón Riveiro Coello, Iria Collazo, Carlos Meixide ou Francisco Castro e que proximamente visitará Arantza Portabales.

Deja un comentario