+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019

SERVIZOS SOCIAIS E O CPI SANTA LUCÍA IMPULSAN “O LIBRO VIOLETA DAS NENAS E NENOS DE MORAÑA” PARA FOMENTAR A EDUCACIÓN EN IGUALDADE


O traballo desenvolverase ao longo do mes de novembro con alumnos de Primaria e dos dous primeiros cursos de Secundaria

 

O Departamento de Servizos Sociais do Concello de Moraña e o CPI Santa Lucía veñen de impulsar a elaboración de “O libro violeta das nenas e nenos de Moraña”, unha iniciativa coa que se pretende introducir á poboación infantil na educación e os principios da igualdade.

Esta actividade, que o pasado ano desenvolveuse en torno á ruta das mulleres e foi realizada por veciñas maiores das parroquias do municipio, vaise desenvolver ao longo do mes de novembro co obxectivo de darlle protagonismo en torno á xornada reivindicativa do 25, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A creación deste libro, que está coordinado pola orientadora escolar e pola psicóloga municipal, está considerada de gran importancia polo goberno local para seguir afondando na cultura da igualdade e por este motivo a alcaldesa, Luisa Piñeiro, mantivo unha xuntanza coas traballadoras do Departamento de Servizos Sociais para avaliar os obxectivos e o cronograma de actuación.

A publicación xa está deseñada en torno á natureza e os traballos da mesma distribuiranse en catro grupos segundo a idade escolar. Así, os rapaces dos dous primeiros cursos de Primaria elaborarán o bloque “As follas da árbore da igualdade”, os de terceiro e cuarto encargaranse de “As flores”, os de quinto e sexto realizarán o de “Os froitos” e os de Secundaria crearán a sección “O bosque”.

Ademais do fomento da educación en igualdade, os obxectivos deste libro violeta son o fortalecemento da participación infantil activa cun relato compartido e un proxecto comunitario e a visibilización na sociedade de Moraña da reflexión das nenas e nenos sobre esta cuestión.

A rexedora local expresou a súa satisfacción porque este proxecto creativo de concienciación “se consolide cunha segunda edición e ademais sexa protagonizado polas nenas e nenos de Moraña, que son os donos do futuro e os que nos dan cada día
as mellores leccións sobre respecto e comportamento en igualdade”.

Deja un comentario