+034 986 09 02 04 Sábado 16 de Novembro de 2019

CARBALLEDO ACOLLE O DOMINGO O ROTEIRO DO FOXO DO LOBO DE ARUFE PARA DESPEDIR AS XORNADAS “CUSPEDRIÑOS10”


A camiñada, que durará dúas horas e media co regreso, é apta para todos os públicos, gratuíta e non esixe inscrición previa

Carballedo vai acoller este domingo a celebración do mítico Roteiro do Foxo do Lobo de Arufe, que servirá para clausurar as III Xornadas Turísticas, Históricas e Culturais “Cuspedriños10”, organizadas polo Concello de Cerdedo-Cotobade coa colaboración da Axencia Turismo de Galicia para extender a todo o ano os valores da Feira de Cuspedriños de xuño e promover a difusión dos principais aspectos turísticos do municipio.

Esta camiñada partirá ás 10.00 horas deste domingo, 21 de outubro, da Praza do Concello de Carballedo e consistirá nun traxecto de case tres quilómetros ata o foxo do lobo de Arufe, na parroquia de Loureiro. Cómpre sinalar que o regreso tamén se realizará a pé e estímase que a duración total da actividade ata chegar de novo a Carballedo será de dúas horas e media.

O roteiro, aberto á participación de toda a cidadanía, é apto para todos os públicos –de feito nos dous anos anteriores foi realizado con facilidade por nenos de máis de 9 anos de idade– e gratuíto e tampouco esixe de inscrición previa, só é preciso comparecer no punto de saída.

O convoi de participantes contará, ao chegar ao foxo do lobo, cunha interesante disertación sobre esta trampa medieval para cánidos a cargo do profesor José Manuel González Reboredo, membro da Fundación Antonio Fraguas, que colabora con este roteiro. Reboredo, que xa se encargou de ofrecer unha charla nas dúas edicións anteriores desta camiñada, é un gran coñecedor dos escritos de Antonio Fraguas en torno aos foxos de lobo de Cotobade e foi un dos impulsores da recuperación deste percorrido.

Deja un comentario