+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019

BUEU INAUGURA ESTE XOVES A EXPOSICIÓN DA RUTA POLOS DEREITOS HUMANOS


O acto terá lugar ás 20.00 h na Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa

O taller infantil que o artista internacional Cristóbal Gabarrón impartiu o pasado mes no Estaleiro da Banda do Río dará lugar agora a unha Ruta polos Dereitos Humanos, polo que uns 239 debuxos estarán expostos en diversos lugares do municipio. A inauguración da mostra será este xoves, 18 de outubro, ás 20.00 h na Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa, e o obxectivo é que toda a poboación poida reflexionar sobre os temas tratados xustamente cando se conmemoran os setenta anos da Declaración Universal de Dereitos Humanos.
Os debuxos poderán verse segundo as temáticas en once espazos elixidos da vila. Así, na Sala Domínguez Búa haberá un total de 32 debuxos, que tratan sobre persoeiros relacionados cos dereitos (17), lemas e achegas aos dereitos humanos (9), e dereito de asociación (6); no salón de plenos da Casa Consistorial, os 12 debuxos versarán sobre o dereito á liberdade; na Praza de Abastos, os 35 debuxos reflexionan sobre a igualdade; na entrada do Centro Social do Mar poderanse ver 32 debuxos que tratan sobre o dereito á vivenda (19) e o dereito á libre circulación (13); no Museo Massó dispoñerán de 11 debuxos sobre o dereito ao asilo /as guerras; no Estaleiro da Banda do Río ou de Purro estarán dispoñibles 38 debuxos sobre o dereito ao traballo (10) e a natureza (28); o Centro de Saúde disporá de 10 debuxos sobre o dereito á sanidade; e por último, os centros educativos terán debuxos sobre o dereito ao ensino, ao ocio e á familia. Concretamente, o CEIP A Pedra e o CPR Virxe Milagrosa expoñerán vinte debuxos, e o CEIP Montemogos de Beluso e CEIP A Torre de Cela, quince.
Esta actividade organízase de xeito conxunto pola Asociación Veciñal da Banda do Río, a Fundación Cristóbal Gabarrón, o Concello de Bueu e a Deputación de Pontevedra, coa colaboración dos diversos espazos nos que se expón.

Deja un comentario