+034 986 09 02 04 Luns 18 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

MÁIS DE 800 PERSOAS PARTICIPAN DURANTE ESTA FIN DE SEMANA NAS EXCURSIÓNS DO PROGRAMA DA DEPUTACIÓN “EN RUTA COA DEPO


 

Veciñas e veciños de 9 concellos da provincia de Pontevedra realizan visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico

O programa “En Ruta coa Depo” organiza esta fin de semana 13 novas excursións nas que participan 810 persoas de nove concellos da provincia. Estas excursións permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra, a través de visitas guiadas e actividades para descubrir o patrimonio das Rías Baixas.

Máis polo miúdo, 54 persoas de AFIBROPO Asociación de Fibromialxia de Pontevedra, visitarán o Parque da Natureza do Río Barosa, en Barro; antiga azucreira, miradoiro do val do Umia e a exposición sobre Domingo Fontán, en Portas; xacemento da Igrexa Vella de Santa Comba de Louro, en Valga; Torres de Oeste, en Catoira.

Pola súa banda, 108 persoas pertencentes á Sociedade Cultural do Viso e a ASODIFISI Asociación de Discapacitados Físicos e Psíquicos de Mos, coñecerán Arousa: Illa da Toxa, desfrutarán dun paseo en barco pola ría de Arousa (con degustación). E tamén van visitar O Grove, Museo da Salga e paseo pola zona, e xacemento da Lanzada.

Tamén, 162 persoas da Asociación de Persoas Sordas de Vigo, da Asociación de Amas de Casa Albariño e do Centro Social do Concello de Poio, farán a ruta por Pendellos de Agolada: Museo A Solaina de Piloño, Fundación Xosé Neira Vilas (pechado os domingos) e igrexa de San Salvador de Camanzo, en Vila de Cruces.

Por outra banda, 54 persoas pertencentes á Asociación Veciñal Fonte do Galo poderán visitar Meis: mosteiro da Armenteira, Ruta da Pedra e da Auga, muiños do Batán, monte do Castro e pazo de Señoráns.

No caso da Asociación de Veciños “As Fontes” Vilar Gandaron, 108 persoas coñecerán o conxunto histórico de Cuntis (praza das Árbores, Casa Grande dos Castro…), miradoiro do parque Maráns, castro de Castrolandín e conxunto histórico de Caldas de Reis (fonte das Burgas, ponte romana, xardín botánico e carballeira).

Outras 54 persoas da Unión Democrática de Pensionistas e Xubilados de Redondela visitarán o Castro de Santa Trega, na Guarda; Espazo Fortaleza, en Goián (Tomiño); conxunto histórico, monte Aloia e Alto dos Cubos, en Tui.

Tamén 54 persoas da Asociación de Xubilados e Pensionistas San Esteban de Noalla farán a súa ruta por San Simón: illa de San Simón, Museo Meirande, Redondela, castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio.

Pola súa banda, 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais de Dornelas van coñecer o conxunto histórico de Salvaterra do Miño e parque da Canuda; Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea (Arabo) e pesqueiras do Miño, en Arbo.

No que respecta á ANPA Celenis Alfonso VII, 108 persoas visitarán o Parque de Natureza do Río Barosa, en Barro; Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre, en Campo Lameiro; fervenzas de Raxoi e Pedrafita, área recreativa e praia fluvial de Ponte Valga, en Valga.

E xa por último, 54 persoas da Asociación de Mulleres en Igualdade de Cercio, farán a súa ruta polo Santuario de Santa María da Franqueira, na Cañiza; Centro de Interpretación da Cera (Favum) e Casa-Museo Pazo da Cruz, en Covelo.

“En Ruta coa Depo” ten por obxectivo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia , promovendo a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, que antes non podían participar, así como ofrecer alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia e promocionar rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente os nenos e nenas. O contido do programa consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia e inclúe xantar e trasporte.

No 2017 participaron na iniciativa “En Ruta coa Depo” 17.501 persoas pertencentes a 410 entidades da provincia. Para este 2018 xa foron adxudicadas en total 21.812 prazas, 4.311 máis que o ano anterior.

Deja un comentario