+034 986 09 02 04 Mércores 15 de Xullo de 2020

O GOBERNO DE CARMELA SILVA DESTINA MÁIS DE 1,5 MILLÓNS DE EUROS A CINCO MUNICIPIOS DA PROVINCIA A TRAVÉS DO PLAN CONCELLOS


A institución provincial financia diversos proxectos de pavimentación, acondicionamento, mellora e reforma de espazos, servizos e vías públicas en Sanxenxo, Cerdedo-Cotobade, Moaña, Oia e Tomiño

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novos investimentos nun total de cinco municipios da provincia no marco da liña 1 do vixente Plan Concellos. Trátase dun total de nove partidas por un total de 1.515.240,29 euros para Sanxenxo, Cerdedo-Cotobade, Moaña, Oia e Tomiño.

En primeiro lugar, o goberno de Carmela Silva ven de aprobar tres achegas por un valor total de 459.209,81 euros para Sanxenxo. Máis polo miúdo, 131.766,24 euros financiarán a renovación do firme no Camiño das Salinas (Noalla), Camiño Costiña (Vilalonga) e Fonte de Ons (Noalla); outros 193.390,51 euros para a instalación de colectores de saneamento de augas residuais, tuberías de abastecemento e pozos de bombeo no lugar de Outeiro (Vilalonga), na rúa Ricardo Santos (Sanxenxo), e no lugar de Quintáns (Noalla); e, por último, 134.053,06 euros van financiar a adecuación da edificación e parcela Casa Don Fernando (Portonovo) para darlle o uso de casa de xuventude. Este ano, a través do Plan Concellos, a Deputación de Pontevedra destina a Sanxenxo 1.972.572,74 euros, o que supón un 76,20 % máis que o ano pasado.

Para Cerdedo-Cotobade, o Goberno provincial autorizou dous investimentos por un valor de 306.226,16 euros. Concretamente, 160.575,62 euros financiarán pavimentacións en San Xurxo de Sacos, Viascón, Cutián e Santa María de Sacos; e outros 145.650,54 euros van a ser destinados a pavimentacións, execución de cunetas, canalizacións e melloras de accesos en diversos camiños en As Lagoas (Rebordelo), Carballedo, Valongo, Famelga e Loureiro. A través do Plan Concellos, Cerdedo Cotobade ten este ano 1.244.234,93 euros a súa disposición, un 73,92 % máis que no exercicio anterior.

No caso de Moaña, a Deputación deulle o visto bo a dúas partidas económicas por un valor total de 353.440,03 euros. Máis polo miúdo, 90.000 euros para financiar o asfaltado da estrada Redondo-Paradela; e 263.440,03 euros destinados á recuperación do espazo público e mellora da mobilidade peonil na EP 1104 Moaña-Coiro, no tramo comprendido entre o lavadoiro da curva de Paxarín e o colexio Abelendo, Moaña. A través do vixente Plan Concellos, a institución provincial destina a Moaña un total de 1.700.604 euros, o que supón un 76,15 % máis que en 2017.

Pola súa banda, o goberno de Carmela Silva aprobou unha achega de 327.054,86 euros para Tomiño que serán destinados á pavimentación e mellora de 28 tramos de camiños municipais en doce parroquias do concello. Este ano, a través do Plan Concellos, A Deputación de Pontevedra destina a Tomiño 2.108.461,25 euros, un 73,28 % máis que no exercicio anterior.

Finalmente para Oia, a institución provincial autorizou un investimento de 69.309,43 euros para a renovación e ampliación da rede de saneamento municipal ao longo dun tramo do camiño de Refoxos, na parroquia de Loureza, co posterior asfaltado e reconstrución de muros de peche. A través do Plan Concellos, Oia ten este ano 757.063,55 euros a súa disposición, un 74,58% máis que o ano pasado.

Deja un comentario