+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

MOSQUERA LÉMBRALLE AO PP QUE AS SOLICITUDES DO PLAN DEPOREMSE FORON VALORADAS TECNICAMENTE POR FUNCIONARIOS


O vicepresidente volve insistir en que as actuacións se regulan a través de bases “sen trampa nin cartón” e que non obedecen nin a criterios políticos nin partidistas
Na comparecencia para dar conta dos asuntos tratados esta mañá na Xunta do Goberno provincial, e respondendo a preguntas da prensa, o vicepresidente da Deputación lembroulle ao PP que a concesión dos proxectos ao abeiro do plan DepoRemse foi valorada tecnicamente por funcionarios e funcionarias. César Mosquera respondía así ao anuncio feito onte polo PP provincial de que no vindeiro Pleno solicitarán que se cree unha comisión informativa especial para investigar e avaliar os motivos das demandas xudiciais presentadas por varios concellos contra a Deputación. “Os proxectos foron avaliados polos funcionarios, que son funcionarios que traballaron co PP” asegurou Mosquera, ao tempo que engadiu que “se se preocuparan de presentar as cousas ben en vez de preocuparse doutas cousas non quedarían fóra”. O vicepresidente indicou que, tal e como xa argumentara no Pleno anterior, “os concellos con gobernos independentes presentan as cousas ben porque non teñen expectativas de arranxar por outras vías, como fai o PP”. Volveu lembrarlle que neste mandato, o actual goberno da Deputación non contempla “nin un euro de libre disposición” e que “todo se fai por bases, valoran os funcionarios, e nós non temos ningunha intervención”. Insistiu en que “levamos destinado máis cartos que nunca aos concellos” e que “non hai nin trampa nin cartón”. Tamén asegurou que “o PP de Pontevedra ten unha característica moi particular que é que cando están na oposición e detectan que un goberno fai unha cousa ben, pasan a atacar esa cousa todos os días” e recriminoulle esta actitude porque considera que “neste momento, nesta Deputación, podiamos estar traballando e sacando todo adiante por unanimidade”.
En relación aos asuntos tratados na Xunta do Goberno desta semana, César Mosquera anunciou que foron aprobados 1.532.000 euros en diversas obras correspondentes ao Plan Concellos, en Cerdedo-Cotobade, Moaña, Oia, Sanxenxo, Tomiño, e Salvaterra de Miño. Tamén foi aprobada a adxudicación da actuación de mobilidade sostible na EP-2505 ao seu paso polo núcleo urbano de Salceda de Caselas, e a mellora da mobilidade peonil e reforzo do firme na EP-2703 en Pazos-Ponteareas. Por último, entre os asuntos máis destacados tamén mencionou a adxudicación a catro empresas dos catro lotes correspondentes ao procedemento para a contratación da obra de instalacións de fitos quilométricos na rede provincial de estradas.
César Mosquera tamén aproveitou a comparecencia para referirse á participación da Deputación no VI Congreso Iberoamericano de Seguranza Viaria (CISEV) que vén de rematar en Perú. O vicepresidente asegurou que, tras as conversas diarias mantidas coa delegación pontevedresa, “a acollida foi espectacular” e que a presentación do Plan Móvese nese foro internacional foi “unha moi boa tarxeta de presentación”. Insistiu en que espera que no futuro “esperemos que esta experiencia se concrete en visitas do Ministerio e Universidades de toda América Latina, porque ademais de Perú tamén participaron outros países como Arxentina, Chile, Ecuador, Colombia ou Panamá”. Mosquera tamén indicou que espera “que se aproveiten estas oportunidades por parte de empresas e de asistencias técnicas nunha zona do mundo que ten das peores cifras en seguranza viaria e onde se está detectando unha preocupación importante por darlle unha solución”.

Deja un comentario