+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Novembro de 2018

O CONCELLO REFORMA A RÚA DE CONCEPCIÓN ARENAL COMO PASO PREVIO ÁS OBRAS NA PRAZA DE ESPAÑA


Fíxase o obxectivo ambicioso de tratar de rematar a maior reforma urbana da historia de Ponte Caldelas antes do remate do ano

A transformación do centro urbano de Ponte Caldelas comezou coas obras en marcha na rúa de Concepción Arenal, preludio da gran actuación na contorna da praza de España, que arranca este próximo martes. O Concello editou un bando para informar das medidas provisionais de reordenación do tráfico rodado e peonil ata o remate dos traballos.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e mailo BNG) fíxase o ambicioso obxectivo de tratar de rematar as obras na contorna da praza de España antes do remate deste ano, para o que a meteoroloxía vai xogar un papel crucial. Todo o espazo quedará pechado ao tráfico dende o próximo martes e os negocios e vivendas contarán con accesos provisionais nestes aproximadamente dous meses de obras.
Durante este tempo o tráfico entrará e sairá a través da rúa de Concepción Arenal (fronte ao parque infantil da escola infantil e a ludoteca) que pasa a ter, de xeito provisional, dobre sentido de circulación. Ao mesmo tempo, aprovéitase para mellorar a mobilidade peonil nesta concorrida rúa, na que se sitúa un supermercado e varios bloques de vivendas. A beirarrúa existente, que só tiña 1,10 metros de anchura, amplíase a 1,52. O espazo necesario gáñase eliminando a beirarrúa do lado contrario, onde tamén se recolocan axeitadamente os farois de alumeado público e atrasarase o muro de peche do parque infantil.
Por outra banda, a parada de taxis abandona provisionalmente a avenida de Vigo e pasa á rúa González Besada. Unha vez concluída a transformación da praza de España retomará a situación orixinal. Todos estes cambios están falados coa directiva da asociación comercial, Coempo, e cos taxistas.
O epicentro da transformación e modernización urbana desta campaña de obras está na contorna da praza de España, onde unha ampla superficie, de 4.000 metros cadrados, vai ser transformada para reforzar a súa centralidade como espazo emblemático da vila.
As obras, financiadas polo Plan de Reequilibrio da Deputación de Pontevedra, foron adxudicadas en 470.000 euros ás empresas Audeca e Nexia Infraestruturas. As dúas empresas xa se coordinaron co Concello. A “filosofía” é a posta en valor dunha área completamente caótica, a pesar da súa posición estratéxica. As obras inclúen tamén unha fonte luminosa de última xeración para realzar o frontal da Alameda.
Unha vez rematada a praza de España, o actual chafarís dos xardíns de Carballal (que data do ano 2003) será trasladado ao centro dunha praza de nova creación no espazo entre o colexio Cordo Boullosa e o parque infantil central.
Finalmente, o Concello, xa a principios de ano, asfaltará completamente a rúa de Concepción Arenal e procederá ao pintado da sinalización horizontal de todo o centro urbano, incluída a avenida de Vigo, onde planea a creación de 200 prazas de aparcamento en batería ao redor do espazo que ocupará o futuro Balneario.

Deja un comentario