+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Novembro de 2018

FEIJÓO RENOVA O COMPROMISO CON PONTEVEDRA E GARANTE AVANCES EN 2019 PARA NOVOS PROXECTOS COMO A VARIANTE DE ALBA, A RESIDENCIA DE MAIORES E O PAVILLÓN DE XIMNASIA


En relación á ampliación do Hospital público Gran Montecelo, constata o obxectivo de contratar a obra antes de que remate o ano que vén
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, renovou hoxe o compromiso con Pontevedra e garantiu avances en 2019 para os novos proxectos como a Variante de Alba, a residencia de maiores e o pavillón de ximnasia.

Tras unha reunión co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, Feijóo constatou que os compromisos asumidos coa cidade do Lérez están encamiñados ou en vía de tramitación, referíndose, primeiramente, á ampliación prevista para o Hospital público Gran Montecelo, que suporá novos servizos; e unha maior comodidade para os pacientes, con novas camas que, nun 60 %, serán individuais.

“Levamos investidos máis de 2,5 millóns en tecnoloxía e imos seguir traballando co obxectivo de contratar a obra antes de que remate o ano que vén”, dixo, co fin de poder cumprir coa execución nos vindeiros anos dunha infraestrutura de 110 millóns de euros e con máis de 30 millóns de euros en equipamento.

No tocante aos servizos públicos, o presidente da Xunta destacou o compromiso da Administración autonómica de adecuar unha parte do hospital provincial para unha nova residencia con 120 novas prazas públicas.

O presidente da Xunta e o alcalde de Pontevedra abordaron tamén dous temas que xa están enfocados desde hai tempo e que ambos coincidiron en que están moi avanzados: o edificio xudicial da Parda e o edificio de Benito Corbal.

Sobre o edificio xudicial da Parda, Feijóo precisou que a nova infraestrutura se comunicará co actual edificio xudicial a través dunha pasarela interior e dará cabida a 21 xulgados e 17 salas de vistas. “As obras están xa moi avanzadas e entregarémolo na primeira parte do ano que vén”, aseverou.

No tocante ao proxecto do edificio Benito Corbal, o titular da Xunta salientou que a súa rehabilitación, cun investimento de 3,7 millóns de euros, suporá tamén un impulso moi importante e reiterou o compromiso de entregalo nos vindeiros meses.

Así mesmo, subliñou que os usos do das instalacións estarán destinados a servizos da Xunta, da Universidade e para colectivos sociais da cidade.

En materia de mobilidade, o encontro tamén serviu para avaliar a situación dos principais proxectos que están en marcha, como a variante de Alba e a estación intermodal.

Respecto á variante de Alba, Feijóo aseverou que: “Temos acordo no proxecto, no trazado e tan só nos queda un permiso do Ministerio de Fomento para enlazar a variante coa nacional”. E para garantir a máxima seguridade, o Goberno galego está a elaborar xa un proxecto para unha senda peonil, cun investimento de 270.000 euros.

En relación á estación intermodal de Pontevedra, constatou que o Concello ten xa o borrador de convenio e incidiu na intención de licitala de xeito inmediato. “Hai unha modernización da estación de autobuses, unha conectividade entre a estación de autobuses e a estación de Adif e este proxecto vai seguir, con investimentos nos orzamentos de 2019, conforme ao previsto”, abundou.

O presidente do Goberno galego trasladou ademais á necesidade de que o Concello faga unha aposta polo transporte urbano-metropolitano. “Imos concretar, de mutuo acordo, cales son as rutas que son precisas”, afirmou, subliñando que a Xunta conta cunha achega de 1 millón de euros, nos orzamentos de 2019, para facilitar os transbordos metropolitanos, ademais de facilitar a gratuidade do transporte dos menores de 19 anos coa Tarxeta Xente Nova.
Ao longo da súa intervención, Feijóo resaltou que o saneamento da ría de Pontevedra é unha actuación inaprazable: por razóns legais, porque podería implicar risco de multa por parte da UE; por razóns ambientais e por razóns económicas, porque en toda a ría hai aproximadamente 1000 familias que viven do marisqueo e da acuicultura.

Despois de recordar que o Executivo galego leva traballando desde 2015 para acadar este obxectivo, mantendo conversas co Ministerio de Medio Ambiente, o presidente da Xunta sostivo que o mellor emprazamento para a depuradora é manter o que ten agora e avanzou a licitación de forma inmediata e conxunta de dúas obras: o acondicionamento e a modernización tecnolóxica da depuradora de Praceres e a construción dun novo emisario submarino para complementar os labores de saneamento.

Non obstante, o responsable do Goberno galego trasladou o plantexamento dos técnicos de augas sobre a necesidade, a medio prazo, dunha ampliación da depuradora. E, a tal efecto, incidiu na disposición da Xunta de manter as canles abertas co Concello para que a posible ampliación afecte o menos posible os veciños.

No tocante ao novo pavillón de ximnasia deportiva, o responsable do Executivo resaltou que os orzamentos inclúen unha partida para comezar a darlle forma.

Por último, o presidente da Xunta trasladou ao alcalde o convencemento de que o ano santo beneficiará a Pontevedra e precisa que xa se está a levar a cabo a sinalización do Camiño Portugués e Portugués da Costa, con máis de 2,4 millóns de investimento.

“En definitiva, foi unha xuntanza produtiva: imos entregar o edifico xudicial e o edificio Benito Corbal, iniciamos as obras da intermodal e da variante de Alba, empezamos o proxecto construtivo e de remodelación do hospital provincial para facer unha residencia da terceira idade, estamos ao que diga o Concello para o pavillón de ximnasia e queremos empezar no 2019 a maior obra que se fixo en Pontevedra nas últimas décadas: a ampliación do Hospital público Gran Montecelo”, concluíu, cun investimento comprometido na cidade do Lérez de 200 millóns de euros.

Deja un comentario