+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CANGAS ACOLLE UNHA DAS ESCOLAS DE NAIS E PAIS QUE A DEPUTACIÓN PROMOVE POR VARIAS COMARCAS DA PROVINCIA


As sesións terán lugar os xoves 8,15 e 22 de novembro no Salón de Plenos da Casa Consistorial e están abertas a familias de toda a comarca do Morrazo
Trátase dunha iniciativa da Asociación Socio – Pedagóxica Galega e centrase na animación á lectura, no fomento da sensibilidade artística e na relación coas novas tecnoloxías
Baixo o epígrafe ‘Partillando saberes. Escola de nais e pais’ a Deputación, en colaboración coa Asociación Socio – Pedagóxica Galega (ASPG), leva esta iniciativa de reforzo educativo a tres comarcas da provincia: o Morrazo, Pontevedra e o Deza. As sesións do Morrazo terán lugar no Salón de Plenos da Casa Consistorial de Cangas, escenario no que se presentou este proxecto na mañá de hoxe, coa presenza da alcaldesa en funcións, Mercedes Giráldez, do concelleiro de Educación, Xoan Carlos Chillón, da membro da ASPG, Carmen Suárez, e do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.
“Con estas sesións tratamos de dotar ás familias desa información que moitas veces precisan para atallar diversas cuestións nas que é necesario coñecer o punto de vista dun profesional” asegurou Xosé Leal durante a súa intervención. As sesións , que terán lugar os xoves 8,15 e 22 de novembro ás 18:00 horas, estarán enfocadas á promoción da lectura, ao fomento da sensibilidade artística e á relación dos e das menores coas novas tecnoloxías. Así o xoves 8, a encargada de dirixir a ‘aula’ será a coñecida e recoñecida autora de literatura infantil e xuvenil, Ledicia Costas, á que Leal definiu como “unha referencia tanto para as crianzas porque len os seus libros, como para os pais e nais que desexen saber como motivar aos fillos e fillas no ámbito da lectura”. A súa sesión leva por título ‘Dáme letras e farei maxia’ e tratará de abordar a necesidade de introducir á rapazada no universo literario desde idades temperás para criar adultos con capacidade crítica. O xoves 15, será a canguesa Paula Cabaleiro a encargada de impartir a sesión que leva por título ‘O patrimonio como motor de aprendizaxe. Como compartir e construír relatos en común’. Paula Cabaleiro é xestora cultural e educadora de museos e directora do MAC Florencio de la Fuente e, en palabras do deputado, será “a que nos achegue as claves para afrontar a relación entre a arte a os máis pequenos e pequenas”. A terceira e última das sesións, o xoves 22, correrá a cargo de Jorge Castro, bibliotecario e autor da web Menores en Rede. “Sobre el recae un tema moi actual na época que nos tocou vivir que é a convivencia con internet, unha convivencia que pode ser moi produtiva e pero que tamén plantexa moitas problemáticas” indicou o deputado nacionalista. Esta sesión leva por título ‘Mobilizad@s: convivir con Internet na familia’.
A alcaldesa en funcións da localidade, Mercedes Giráldez, aproveitou para facer un chamamento “a todas as familias da comarca, non só do concello de Cangas, porque a súa implicación na educación dos rapaces reforza e axuda o labor dos mestres e contribúe á educación do futuro do noso país”. Precisamente na idea do papel fundamental que as familias teñen na educación dos e das menores incidiu Carmen Suárez asegurando que “é a familia o primeiro axente educativo dunha persoa, porque é onde se poñen as bases para o seu posterior desenvolvemento social e afectivo”. Suárez animou non só a nais e pais a participar na sesións, senón tamén a avoas e avós, e indicou que “o obxectivo da escola de nais e pais é visibilizar os diferentes contextos nos que a familia xoga un papel fundamental na educación de fillos e fillas, como poden ser o artístico, a lectura e a convivencia coas tecnoloxías actuais”. Pola súa banda, o concelleiro de Educación, Xoán Carlos Chillón, insistiu na “necesidade de fomentar e reforzar a actividade da comunidade educativa, máis aló dos centros escolares con iniciativas coma esta da ASPG”.
A escola de nais e pais terá lugar nas mesmas datas en Barro, no Centro Cívico ás 20:00, cambiando a orde dos relatores: o xoves 8 impartirá a sesión Jorge Castro, o xoves 15 será Ledicia Costas, e o xoves 22 Paula Cabaleiro. O terceiro concello onde se imparten estas sesións é Lalín, concretamente na Biblioteca Municipal. O xoves 8 ás 20:00 será a quenda de Encarna Lago, xerente da Rede Museística pronvincial da Deputación de Lugo, que falará do fomento da sensibilidade artística, o mércores 14 ás 20:00h será a quenda de Jorge Castro Ruso, e o xoves 22 tamén ás 20:00h será a de Ledicia Costas.

Deja un comentario