+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

XA PODE VISITARSE EN CANGAS A MOSTRA QUE RECOLLE A REPRESIÓN QUE SUFRIRON AS MULLERES DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA


“Rexas. Mulleres baixo o terror franquista”, organizada pola Deputación, poderá verse no Auditorio ata o 13 de novembro
Ao acto de apertura incluíu unha visita guiada a cargo da comisaria da mostra, a xornalista e escritora Montse Fajardo
“Rexas. Mulleres baixo o terror franquista”, é unha mostra que lle pon rostro e nome a 172 da provincia de Pontevedra que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e que, ademais, por mor da súa condición de mulleres, foron obxecto de vexacións de corte sexista. A mostra foi inaugurada esta tarde no Auditorio de Cangas, onde poderá visitarse ata o vindeiro 13 de novembro, nun acto encabezado polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, pola alcaldesa en funcións da localidade, Mercedes Giráldez, polo concelleiro de Educación, Xoán Carlos Chillón, e pola comisaria da mostra, a xornalista e escritora, Montse Fajardo.
Xosé Leal indicou na súa intervención que “estamos facendo un esforzo importante para dar a coñecer a memoria histórica por todos os concellos da provincia, e nomeadamente a memoria da represión sufrida polas mulleres, que debe ser coñecida e recoñecida, para que a súa loita pola legalidade e a liberdade permaneza viva e para darlle o valor que sempre debeu ter”. Pola súa banda, Mercedes Giráldez asegurou que “esta exposición vai moi na liña do que estamos facendo desde este Concello para dar a coñecer as mulleres canguesas represaliadas, ás que xa lle temos feito un homenaxe, e con esta iniciativa continuamos no traballo de poñerlles cara e nome para que estes feitos non se esquezan e non se repitan”. A comisaria da exposición, Montse Fajardo centrouse na investigación previa que deu pé á mostra e fixo fincapé en que “as mulleres foron asasinadas, exiliadas, depuradas, vexadas, e foron vítimas das mesmas tipoloxías de represión que os homes pero ademais sufriron unha violencia con claros tintes sexistas e foron rapadas, tatuadas e agredidas sexualmente”. A comisaria tamén explicou que a represión tiña aínda unha compoñente máis no caso feminino “non só sufriron represión polas súas implicacións políticas ou sindicais, senón tamén por estar emparentadas con homes perseguidos”. Tamén explicou que a presenza do Morrazo na mostra foi posíbel grazas á colaboración das asociacións da memoria como 28 de Agosto de Cangas, ARMH de Marín, Ateneo de Moaña e Amigos de Xohán Carballeira de Bueu.
“Rexas. Mulleres baixo o terror franquista” foi unha mostra organizada xa no pasado exercicio polo departamento provincial de Cultura e Lingua e que fixera un percorrido por varios puntos da provincia. Debido á alta demanda de concellos e asociacións que traballan na recuperación e na reparación da memoria histórica, a Deputación decidiu manter a mostra na súa programación do ano 2018. Así, tras pasar xa por Bueu, Cuntis, O Porriño e Valga, e unha vez remate a súa estadía en Cangas, está previsto que continúe o percorrido por Tomiño e Cambados.

Mulleres represaliadas en Cangas e na súa contorna
Rexas recolle 26 historias de mulleres represaliadas do Morrazo, existindo exemplos desta comarca en cada unha das tipoloxías que se reflicten na mostra: desde a marinense Carmen Pesqueira, a Capirota, cuxa biografía e imaxe aparecen no panel de asasinadas, ata a canguesa Josefa Martínez Agulla, cunha tipoloxía tan infrecuente na Galiza como a de ser enviada á URSS de nena, para fuxir dunha guerra que a sorprendera en Euskadi.

Un dos aspectos máis destacados desta comarca é que permite amosar a brutal represión que o franquismo exerceu sobre as mulleres que se sindicaron na defensa dos seus dereitos laborais. Rexas recolle, por exemplo, o caso da presidenta do Sindicato de Atadeiras La Reivindicadora de Cangas, Dolores Blanco Montes, que en agosto do 36, aos 51 anos, foi levada xunto á marinense Carmen Pesqueira para ser paseada. Logrou salvar a vida pero estivo presa ata agosto de 1942 no durísimo penal vasco de Saturrarán, xunto a outras mulleres da contorna como a veciña de Lourizán, Asunción Vilas, A Vidala ou ás irmás Ramona e Adelina Otero Martínez, As Casqueiras, de Cantodarea, zona moi castigada por esa implicación das mulleres conserveiras e da lonxa coa loita sindical. Tamén foi condenada a vinte anos de prisión a marinense, Emilia Pérez Pazos, a Machada, enlace da CNT e organizadora de numerosas fuxidas desde o porto da Coruña. E Dolores Santiago Troitiño, alcumada La Pasionaria por ser comunista e presidenta da Sociedade de Chaboleiras e Empacadoras da CNT de Marín, foi encarcerada aínda que quedou posteriormente en liberdade pola intercesión dos seus irmáns, falanxistas.
Cabe destacar tamén o envío ao cárcere por razóns relixiosas. Un exemplo é Ramona Couso, a Cunicha, que por ser evanxélica foi detida, rapada, obrigada a inxerir aceite de rícino e logo paseada polas rúas de Marín, onde detiveron a outras persoas que profesaban esa relixión como Josefa García Pena.

En moitos casos, as penas de cárcere foron acompañadas doutros castigos como a rapa, tal e como sucedeu coa moañesa Enedina Esperón, fundadora do Sindicato de Hiladeras Y Oficios Varios La Defensa, ou coa canguesa Benigna Rodal. Rexas mesmo recolle unha foto da marinense Elsa Omil pouco despois da rapa, cuxos efectos aínda se poden apreciar na imaxe. O mesmo día que a raparon a ela, raparon tamén ás irmás Elena, Lidia, Esther, Clara e Josefa Area Landín, as Ribeiranas, e a Carmen Bautista, a Virila, todas veciñas de Marín. Os fascistas raparon tamén as mulleres da familia Torrente: á nai, Aurora, e a todas as fillas: María, Elvira, Josefa, Pura Dolores e Ángela, para logo desterralas.

A mostra recolle outros castigos sexistas como a violación de Asunción Berea Mora, esposa de Joaquín Moreda Feal, militar do Polígono Janer de Marín que, tras negarse a bombardear poboación civil, foi levado a Ferrol e fusilado.

As mestras depuradas
Tamén hai en Rexas un oco para as mestras da contorna que foron depuradas, como Dolores Cea Montenegro, mestra en Seixo (Marín), que polo seu apoio á Fronte Popular acabou no cárcere da Normal e a quen, ademais de quitarlle a escola e impedirlle exercer durante anos, impuxéronlle continuas multas que a obrigaron a vender varias propiedades. Ou Eladia Milleiro, tamén de Marín que foi afastada da aula e apresada. No cine berraba contra a ditadura e levaba debaixo da solapa a bandeira soviética.

A historia de 172 mulleres
A exposición conta as historias de 172 mulleres, algunhas delas feitas públicas por primeira vez, a través de 78 fotografías. Está dividida en tres bloques, sendo o primeiro o da contextualización histórica, que conta que o golpe de Estado supuxo unha quebra dos dereitos da República tanto no relativo ás clases como dende o punto de vista das mulleres, que despois pasaron a ser tuteladas por varón, igrexa ou a sección feminina.
A segunda parte da exposición, a máis longa, analiza as diferentes tipoloxías de represión e mostra que, a pesares de que as cifras amosan que os homes son maioría nas listaxes de vítimas, as mulleres non só padeceron as mesmas tipoloxías de represión ca eles, senón que ademais foron obxecto de vexacións de corte sexista aplicadas non só a aquelas cidadás significadas política ou sindicalmente, senón tamén ás familiares de homes perseguidos: foron rapadas, agredidas sexualmente, tatuadas, arrastradas con cordas ou obrigadas a bailar espidas diante da xente.
Finalmente, a terceira e última parte da mostra dedícase a recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindíbel á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria.

Deja un comentario