+034 986 09 02 04 Mércores 26 de Setembro de 2018

O Concello de Mos dota de saneamento ó Camiño da Corredoura en Guizán


As obras están incluídas no PUSIM 2014 da Deputación de Pontevedra

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Saneamento e abastecemento mosense, Camilo Augusto, e a edil de Urbanismo e Medio Ambiente, natural da parroquia de Guizán, Julia Loureiro, supervisaron as obras de ampliación e mellora da rede de saneamento municipal no Camiño da Corredoura en Guizán, incluídas no Plan Urxente de Mantemento de Servizos e Infraestruturas Municipais, PUSIM 2014, da Deputación de Pontevedra.

Con estes traballos darase servizo de saneamento a un núcleo poboacional da parroquia de Guizán, conseguindo así respostar a unha importante demanda dos veciños e veciñas da zona que se poderán conectar xa á rede pública de alcantarillado de xeito inmediato.

Os labores que está a incluir esta obra, que se prolonga en preto de medio kilómetro de lonxitude, consisten na apertura de zanxa, colocación de tubería, formación de novos pozos ou colectores para acometidas domiciliarias e, por último, reposición das zanxas previamente abertas.

O orzamento total destas actuacións ascende a preto de 30.000 euros íntegramente financiados pola Deputación de Pontevedra.

Ademais desta obra no Camiño da Corredoura, a parroquia de Guizán será receptora tamén de novos traballos de acometida de saneamento no Camiño do Pazo, na zona da Igrexa. Neste sentido o edil Camilo Augusto explicou que “con estas dúas obras conseguiremos chegar á execución do 95% do alcantarillado en Guizán”. “Non obstante”, continuaba o concelleiro, “dende o equipo de goberno local somos coñecedores de que quedan algunhas vivendas pendentes de ser dotadas de servizo de saneamento, ás que pouco a pouco iremos dotando de dito servizo”.

Augusto aproveitou tamén para informar de que, unha vez finalizado o tramo que se está a realizar no Camiño da Corredoura, os veciños desta zona xa poderán solicitar na oficina do Consorcio de Augas do Louro o enganche á rede municipal de saneamento.

Deja un comentario