+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019

A RAPA DAS BESTAS COMEZA A PROMOCIÓN DA EDICIÓN 2019 NA FEIRA DE TURISMO ECUESTRE DE CÓRDOBA


Manolo Cabada, en representación da asociación, fixo a presentación do certame cando aínda restan oito meses

A Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo vén de comezar as labores de promoción nacional da edición 2019 desta festa de interese turístico internacional, que se celebrará do 5 ao 8 de xullo, coa primeira presentación desta tradición secular na Feira Internacional de Turismo Ecuestre de Córdoba.

Manolo Cabada, en representación do colectivo, foi o encargado de facer a presentación do certame –a primeira pensando na vindeira edición cando aínda restan máis de oito meses para a cita– e destacou o elevado interese e o asombro espertado entre os asistentes, principalmente touroperadores de todo o mundo e público en xeral. “Recibín moitas felicitacións pola espectacularidade e singularidade da Rapa das Bestas, que chamou moito a atención porque se saia do común nas presentacións, todas moi boas pero moi parellas, xa que se centraban no turismo dacabalo”, explicou.

Tras este acto, Cabada comezou co traballo institucional no stand da Rapa das Bestas e estableceu contactos con moitos touroperadores, especialmente estranxeiros, interesados en poder ofrecer paquetes turísticos e de experiencias sobre esta festa. A falla de que conclúa a feira durante estes días e de que se materialicen estas negociacións, as perspectivas de crecemento da Rapa, sobre todo entre os turistas norteamericanos e ingleses, son moi boas.

“Aínda que resta moito tempo para a Rapa, somos unha festa moi importante, de carácter internacional, icónica de Galicia e única no mundo e todo o traballo de promoción é necesario, porque aparte de dinamizar a nosa aldea e o rural de interior, tamén serve para transmitir os nosos valores de cariño e coidado das bestas libres e salvaxes e do medio ambiente”, explicou Cabada.

Finalmente, ao longo da fin de semana tamén se achegarán, en labores de apoio e para colaborar coa promoción, un par de aloitadores de Sabucedo que levan varios anos residindo en Andalucía.

Deja un comentario