+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

O CONCELLO ACTIVA A PARTE CENTRAL DO PLAN DE VÍAS 2018-2019 CON 38 OBRAS EN 15 PARROQUIAS POR 1,38 MILLÓNS DE EUROS


Entre o presente segundo semestre e o arranque de 2019 executaranse doce grandes proxectos que renovarán a rede municipal de pistas

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de activar a parte central do Plan de Vías Municipais 2018-2019 cun total de 38 obras que beneficiarán a 15 parroquias –dez de Cotobade e cinco de Cerdedo– e no que se investirán case 1,38 millóns de euros. Este proxecto global permitirá que, entre o presente segundo semestre de 2018 e o arranque do vindeiro ano, se poñan en marcha doce grandes actuacións coa seguinte distribución por parroquias das 38 obras contempladas:

San Xurxo de Sacos Pavimentacións en San Xurxo e Cutián
Santa María de Sacos Pavimentacións en Santa María e camiño en Vila de Abaixo
Rebordelo Pavimentacións, cunetas e canalizacións nas Lagoas e mellora de
camiño no Pozo Negro
Carballedo Creación do vial do colexio, camiño de Pazos e pavimentacións
Valongo Pavimentacións, cunetas e canalizacións e renovación do firme en
Casanova e Quinteiro
Augasantas Pavimentacións e cunetas en Famelga
Loureiro Pavimentacións e canalizacións
Viascón Mellora de camiño en Costa e pavimentacións
Tenorio Mellora de camiño en Parada, ensanchamento en Vilanova e de vías
no acceso ao ponte colgante de Calvelo, Tralamós, Laxe, Castro,
Covas Alto e Covas
Almofrei Mellora da pista Xesteira-Arrotea
Cerdedo Mellora de pista en Limeres, novo firme en Barro e Chamadoira,
camiño en Limeres e acceso á potabilizadora, cunetas da pista capela-río Cervas e acceso á praza de Viduído
Figueroa Mellora de camiños en Loureiro e Vilar, camiños interiores en Vilar
e pavimentación en Vilar
Tomonde Ensanchamento do Camiño do Quinteiro
Folgoso Acceso a Esbarrela
Quireza Acceso sur a Vilarchán

En canto aos proxectos a desenvolver, figuran as pavimentacións en San Xurxo, Cutián, Viascón e Santa María (160.575 euros), pavimentacións, cunetas e canalizacións nas Lagoas, Carballedo, Valongo, Famelga e Loureiro (145.650), mellora de camiños en Loureiro, Vilar, Pozo Negro, Costa, Parada de Tenorio e Vila de Abaixo (121.000), mellora das pistas de Arrotea e Limeres (125.575), obras en Esbarrela, capela de San Antonio, Vilar, Viduído e Vilarchán (120.602), mellora viaria en oito pistas de Tenorio, Calvelo e Parada (250.000), Casanova e O Quinteiro (40.000), actuacións en Barro, Chamadoira e outros (120.000), novo acceso ao colexio de Carballedo (60.000), ensanchamento interno en Vilanova (45.000), accesos a Limeres e á potabilizadora de Cerdedo (94.738) e ensanchamento do Camiño do Quinteiro, en Tomonde (100.481).

O presidente municipal, Jorge Cubela, que leva visitando durante toda esta semana as primeiras melloras executadas e a práctica totalidade dos demais lugares beneficiarios para comprobar os derradeiros detalles antes das obras, quixo destacar a “capacidade de xestión” do goberno local para conseguir “unha cifra récord para as pistas municipais que nos permitirá impulsar o plan viario máis ambicioso da nosa historia e que deixará as nosas estradas en óptimas condicións”.

Deja un comentario