+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

O CONCELLO ACTIVA A MODERNIZACIÓN INTEGRAL DO LOCAL DA BANDA DE TENORIO CUN INVESTIMENTO DE 300.000 EUROS


Cubela anuncia que a obra completarase con 20.000 euros en melloras e coa segunda fase, dotada con 120.000 máis, o vindeiro ano

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de activar o ambicioso proxecto de modernización integral do Local da Banda de Música de Tenorio, que contará cun investimento duns 300.000 euros en dúas anualidades e que servirá para atender sobradamente as necesidades que ten esta entidade. “A Banda de Tenorio e a súa escola de música fan unha labor fundamental a prol da cultura e a formación no noso concello e por iso esta gran obra, que era un compromiso meu para esta lexislatura, vai saír adiante tras salvar diversas dificultades”, explicou o presidente municipal, Jorge Cubela.

Deste xeito, e tras superar diversos atrancos, como a consecución da cesión do local por parte da Comunidade de Montes de Tenorio ao Concello xa que do contrario non se poderían investir fondos públicos, o executivo acaba de sacar a licitación a primeira fase desta obra, orzamentada en 160.000 euros.

“Levo gran parte do mandato centrado neste proxecto, pero ata hai uns meses aínda non conseguiramos a cesión do local, que non a propiedade, e o Concello non podía actuar sen es tar en posesión do mesmo. Tras varias reunións a comunidade de montes, á que quero agradecer a súa colaboración, aceptou por unanimidade o traspaso provisional e abriu as portas á redacción do proxecto e á licitación das obras, que hoxe é unha realidade”, detallou o rexedor.

Cubela tamén concretou que a folla de ruta desta actuación pasa por contratar e acometer, entre finais de ano e o primeiro semestre de 2019, a primeira fase da reforma do local, que se verá beneficiado dunha ampliación de superficie e un maior aproveitamento de espazos, algo demandado pola banda, e tamén por unha importante mellora estética do inmoble , xa que disporá de grandes cristaleiras e locerá con materiais nobres como a madeira.

Tamén de xeito paralelo se realizarán as melloras recollidas no prego do concurso, cifradas en
20.000 euros e que consistirán na dotación de trasdosado de pedra na fachada e de voadizos en chapa de aluminio, a renovación das fiestras e das portas exteriores, a colocación dun rótulo

retroiluminado con letras en aceiro inox e de focos de iluminación verticais e o pintado do salón de actos.

Finalmente, o presidente municipal ten previsto rematar coa mellora deste Local da Banda de Tenorio o vindeiro ano e por iso anunciou que a segunda fase, estimada en 120.000 euros ata completar os 300.000 do investimento total, quedará recollida especificamente nos Orzamentos Municipais 2019.

Deja un comentario