+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

O CONCELLO DE BUEU ADHÍRESE Á CAMPAÑA ‘BUEU EN NEGRO’ CON MOTIVO DO 25 DE NOVEMBRO


Desde a concellaría de igualdade de Bueu, dirixida por Ana Isabel Otero, convidan aos establecementos comerciais da vila a participar na campaña ‘Bueu en negro’, á que o Concello se vén de adherir co gallo do 25 de novembro, Día Internacional de Non Violencia Contra as Mulleres, xunto a outros noventa concellos galegos. Así, o que se propón é que os locais se vistan de loito en sinal de dor polas vítimas mortas e as que viven e están a sufrir a violencia machista. Por iso, e dado que os locais comerciais teñen o protagonismo, convídase a que entre o 19 e o 25 de novembro transmitan a través do seu escaparate a mensaxe ‘Queremos Bueu libre de violencias machistas!”.
Desde a área de igualdade alertan de que “no que levamos deste ano, 43 mulleres perderon a vida a mans das súas (ex) parellas, tres eran da nosa Comunidade Autónoma, o que esixen unha resposta unánime da sociedade de rexeitamento de todas as formas de violencias machistas”.
Os locais que desexen participar na campaña terán que poñerse en contacto co Centro de Información ás Mulleres (CIM), a través do teléfono 986324395 ou do correo electrónico cim@concellodebueu.gal.
Actos 25 de novembro
Con motivo do Día Internacional da Non Violencia Contra as Mulleres estase organizando unha programación que, ao igual que en anos anteriores, ten como eixe vertebrador aos máis pequenos e pequenas. Así, en colaboración cos centros de secundaria, o pasado venres representouse a performance de deconstrución do amor romántico no IES Johán Carballeira.
O acto central terá lugar o 23 de novembro cando terá lugar a concentración en memoria das vítimas da violencia machista na Praza do Concello e, a continuación, no Centro Social do Mar, alumnado do CPR Virxe Milagrosa realizarán a Declaración Conmemorativa desta data seguida da entrega de premios do XVI Concurso de carteis.
Tamén se organizarán obradoiros de novas masculinidades nos centros de primaria e secundaria da vila, e desde o Cineclub Bueu proxectarán o 16 de novembro Lady Macbeth, un filme de William Oldroyd que plasma na pantalla a asfixiante atmosfera de séculos de opresión silenciosa á muller.

Deja un comentario