+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

FOMENTO VAI ESTUDAR POSIBLES MELLORAS NO PROXECTO DA ESTRADA N-541 AO SEU PASO POR VIASCÓN


Os membros do Goberno Central aceptaron analizar as propostas do presidente e a parroquia para garantir a seguridade viaria

O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantivo hoxe unha xuntanza en Pontevedra coa subdelegada do Goberno, Maica Larriba, na que tamén participaron responsables da Demarcación de Estradas de Galicia, dependente do Ministerio de Fomento, para analizar o proxecto de mellora da seguridade viaria da estrada nacional N-541 na parroquia de Viascón. Esta xuntanza foi previa a outra celebrada coa asociación veciñal “O Agro” e coa Comunidade de Montes na que se informou á veciñanza dos acordos adoptados.

Neste encontro, celebrado nun clima de máxima colaboración e entendemento, o rexedor manifestou unha serie de demandas sobre o proxecto de seguridade viaria da N-541 ao seu paso pola parroquia de Viascón. Os responsables de Fomento comprometéronse ao estudo das posibles alternativas e a que o proxecto construtivo non se inicie polo momento.

Este mesmo extremo foi anunciado nunha xuntanza posterior aos portavoces veciñais, que mostraron a súa satisfacción pola información facilitada e polo interese da Subdelegación e Fomento en atender as principais reclamacións da veciñanza.

Todos estes extremos serán analizados nunha posterior xuntanza tanto co presidente municipal como coa veciñanza da parroquia de Viascón.

Ao termo deste encontro, Cubela amosou a súa satisfacción pola nova paralización do proxecto: “Hoxe é un bo día para a parroquia de Viascón e para todo o Concello porque a obra freouse novamente, polo menos ata que se miren con detemento as nosas propostas para a N-541 nese punto, que contan con distintas opcións pero que se centran principalmente en que non se parta nin divida a esta parroquia”.

“Creo que o clima de colaboración e de buscar acordos por todas as partes foi moi satisfactorio e así é como imos ir avanzando para, sobre todo, atender as demandas dos veciños, que son o máis importante e o único que me preocupa. Agora temos que seguir traballando discretamente para culminar con éxito esta negociación”, indicou.

Deja un comentario