+034 986 09 02 04 Venres 05 de Xuño de 2020

CASE 300 PERSOAS PARTICIPAN ESTE CURSO NAS OITO MODALIDADES DEPORTIVAS DAS ESCOLAS MUNICIPAIS DE MORAÑA


Zumba-bodyjump, ximnasia para maiores e patinaxe son as que rexistran unha inscrición máis elevada neste programa gratuíto

 

O Concello de Moraña conta con 293 participantes nas oito modalidades das Escolas Deportivas Municipais 2018/2019, que veñen de comezar as súas clases ao longo do mes de outubro e que se prolongarán ata a chegada do verán co obxectivo de fomentar os hábitos saudables entre a poboación, especialmente a infantil.

Con motivo do arranque do curso deportivo, a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, realizou unha visita a algunhas modalidades e estivo a departir cos monitores e os cativos, que amosaron a súa satisfacción polo seu desenvolvemento. A rexedora local expresou a súa ledicia pola elevada participación, que calificou de “moi boa nova, xa que demostra que estamos acertando co que quere a poboación no ámbito do lecer e o deporte”.

En canto á participación, que é gratuíta durante todo o ano, destacan especialmente as importantes cifras de alumnos nas modalidades de patinaxe (87), Zumba- bodyjump (62) e ximnasia de mantemento para maiores de 60 anos (45), que é a práctica ofertada para a terceira idade.

Así mesmo, tamén se contabilizan 32 alumnos en baloncesto, 31 en judo, 18 en motricidade, 16 en multideporte e 2 en actividades adaptadas, que está orientada a persoas con discapacidade co obxectivo de favorecerlles a práctica de hábitos saudables e promover a súa integración.

“Trátase dunha modalidade que non hai en case ningún concello e da que estamos moi orgullosos porque a nosa aposta é que o deporte, como todas as demais accións deste goberno, chegue a todos os veciños de Moraña”, detallou Piñeiro, que explicou que a elevada inscrición deste ano nas Escolas Deportivas Municipais obrigou a
configurar ata 15 grupos para atender axeitadamente toda a demanda.

 

Deja un comentario