+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020

UNHA IMPORTANTE EMPRESA PRODUTORA DE ALIMENTOS DE CÁÑAMO INDUSTRIAL VINCULADA CO MEDIO RURAL TERÁ UN CENTRO NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA


ESTE ESPAZO DE PRODUCIÓN FORMA PARTE DUN PROXECTO DA COMPAÑÍA O´NAY CLINIC QUE SUPORÁ A CREACIÓN DUNS 60 POSTOS DE TRABALLO DIRECTOS E INDIRECTOS E TAMÉN INCLÚE A EXPLOTACIÓN AGRARIA EN SILLEDA DE 50 HECTÁREAS EN ALUGUER OU CON COMPRA DA COLLEITA

A Feira Internacional de Galicia ABANCA acaba de pechar un acordo para a localización no recinto dun centro de produción da firma O´Nay Clinic, unha importante empresa vinculada co medio rural e centrada na produción, elaboración, transformación e envasado de produtos alimenticios de cáñamo industrial.

Esta planta, que segundo O´Nay Clinic será a máis grande en Europa deste tipo, forma parte dun proxecto máis amplo da compañía, o cal inclúe tamén a posta en marcha dunha explotación agraria. Para isto, e co obxectivo de poñer en valor as parcelas de cultivo abandonadas ou en desuso, a entidade está a arrendar zonas de cultivo no municipio de Silleda e tamén comprará colleitas a propietarios doutras parcelas que queiran cultivar as súas sementes. En total a firma espera que sexan unhas 50 hectáreas.

O´Nay Clinic, que ten a súa sede e outro centro de fabricación en Santiago de Compostela, levará a cabo neste espazo do recinto a elaboración e/ou envasado, entre outros produtos, de aceite de cáñamo industrial, flores desta planta para infusións, fariña de cáñamo industrial ou complementos alimenticios.

A empresa, que comezará a súa actividade nuns meses e que instalará maquinaria de última xeración valorada en 2 millóns de euros, indica que este proxecto suporá a creación duns 60 postos de traballo directos e indirectos, os primeiros para labores tanto nas instalacións da planta como nalgúns campos de cultivo e os segundos noutros sectores auxiliares que se contratarían na propia zona.

Ocupación do recinto e beneficios para a comarca

O local que ocupará este centro de produción suporá que a Feira Internacional de Galicia ABANCA de uso por primeira vez dende a construción do recinto, en 1996, a un dos seus espazos. Trátase da planta superior do edificio administrativo situado no acceso principal ao recinto, o cal estaba proxectado inicialmente para acoller a sede da Fundación Semana Verde e conta cunha superficie de 950 metros cadrados.

Este edificio estaba incluído nos estudos e xestións realizados pola Fundación Semana Verde de Galicia para acadar unha maior ocupación do recinto, sendo outro dos exemplos deste traballo a localización no edificio do auditorio a partir do vindeiro ano do Museo do Campo Galego.

Con este alugueiro a O´Nay Clinic vai ser rehabilitado e empregado de forma permanente un edificio que non se usara ata o momento e que pola ampla variedade de espazos dos que dispón o recinto non é necesario para o desenvolvemento das distintas actividades que a entidade feiral realiza ao longo do ano. Uns eventos temporais que para a Fundación supoñen a súa prioridade para a ocupación do recinto, sendo mostra disto as citas que se celebrarán neste 2018. Ascenderán a finais de ano a un total de 25, un 78% máis que en 2017, cando o calendario da entidade feiral acollera 14 eventos.

Así, o obxectivo coa firma deste acordo é favorecer o incremento do tempo de ocupación efectiva do recinto e xerar actividade a través dun alugueiro que, sen interferir na realización de eventos, redunda nos seus ingresos e no beneficio da comarca.

Deja un comentario