+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

O CONCELLO ADXUDICA A RAPA DAS BESTAS DE SABUCEDO O LOTE DE NOVE CABALOS MOSTRENCOS CAPTURADOS EN COVAS


O acto contou coa presenza dunha quince de persoas que se interesaron pola manda, cuxo prezo de saída foi de 360 euros

O Concello de Cerdedo-Cotobade celebrou na mañá de hoxe unha poxa pública dos nove cabalos mostrencos capturados a pasada fin de semana en Covas, na parroquia cerdedense de Folgoso, e froito da mesma resultou adxudicataria de todos eles, xa que saíron nun mesmo lote, a Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo. O colectivo estradense pagou finalmente 630 euros por toda a manda, composta de sete cabalos e dous poldros, e fixo o ingreso correspondente poucos minutos despois de levantarse a acta da poxa.

Este grupo de cabalos viña causando diversos danos en fincas, cultivos e silos do municipio, ademais de acceder constantemente á estrada N-541 e a outras pistas polo que, tras a súa captura, decidiuse recorrer á poxa pública para tratar de poñerlle solución definitiva a este problema e acabar cos perxuízos aos agricultores e á seguridade vial.

A poxa celebrouse no curro de Cuspedriños e contou coa presenza dunha quincena de persoas interesadas polo lote, ademais do teniente de alcalde, Fernando Vázquez, e dous técnicos municipais. O prezo de saída deste grupo era de 360 euros e a poxa centrouse en dúas persoas das presentes ata rematar nos citados 630 euros.

O integrante de A Rapa das Bestas e os representantes municipais acordaron que mañá a mediodía acudirán cun veterinario para marcar aos animais con microchip e entregar unha copia desa documentación ao Concello antes de trasladalos ata os montes de Sabucedo. Ata entón, os cabalos permanecerán custodiados no curro de Cuspedriños, que foi pechado para a ocasión.

O goberno local agarda que con esta iniciativa –que se repetirá en caso de que se volvan a reproducir danos similares e os cabalos mostrencos abandonen o seu hábitat natural dos montes da contorna– remate a entrada de reses nas aldeas e nas fincas particulares. Neste senso, anunciou que vai actuar sempre na defensa dos intereses dos veciños, dos agricultores e dos gandeiros do municipio.

Deja un comentario