+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Xullo de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

BARRO ACOLLE A ESCOLA DE NAIS E PAIS QUE A DEPUTACIÓN PROMOVE POR VARIAS COMARCAS DA PROVINCIA


As sesións terán lugar os xoves 8,15 e 22 de novembro no Centro Cívico
Trátase dunha iniciativa da Asociación Socio – Pedagóxica Galega e centrase na animación á lectura, no fomento da sensibilidade artística e na relación coas novas tecnoloxías
Baixo o epígrafe ‘Partillando saberes. Escola de nais e pais’ a Deputación, en colaboración coa Asociación Socio – Pedagóxica Galega (ASPG), leva esta iniciativa de reforzo educativo a tres comarcas da provincia: o Deza, o Morrazo, e Pontevedra. As sesións da comarca de Pontevedra terán lugar no Centro Cívico de Barro os xoves 8, 15 e 22 de novembro, todas ás 20:00 horas. Unha iniciativa que segundo o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, “trata de contribuír á formación das crianzas desde o ámbito familiar, dotanto aos pais e nais de ferramentas para reforzar aspectos educativos dos seus fillos e fillas en temas de actualidade como son a lectura, a arte ou o acceso a internet ”.
A primeira das sesións, a do xoves 8, irá orientada á convivencia dos e das menores coas novas formas de comunicación que ofrece internet. Titúlase ‘Mobilizad@s: convivir con Internet na familia’ e correrá a cargo de Jorge Castro, bibliotecario e autor da web Menores en Rede. Nesta xornada o obxectivo é o de explicar como utilizar as potencialidades de Internet como medio para medrar e crear complicidades en familia, pero tendo en conta tamén os cambios que comporta nas relacións e nos hábitos cotiáns, tomando conciencia dos aspectos positivos e tamén dos riscos que pode implicar.
A segunda das sesións, a do xoves 15, corresponderá á coñecida e recoñecida autora de literatura infantil e xuvenil, Ledicia Costas, que conta con importantes premios e galardóns á súa obra e que é todo un referente para os rapaces e rapazas. A súa sesión leva por título ‘Dáme letras e farei maxia’ e tratará de abordar a necesidade de introducir á rapazada no universo literario desde idades temperás para criar adultos con capacidade crítica. Explicará a importancia de que haxa libros nos fogares e como a familia pode acompañar aos máis pequenos e pequenas no camiño da lectura e como incrementar o seu interese nese hábito.
A última das sesións, xoves 22, versará sobre como promover a sensibilidade artística entre os e as máis novas e leva por título ‘O patrimonio como motor de aprendizaxe. Como compartir e construír relatos en común’. Correrá a carto de Paula Cabaleiro, directora do MAC Folerencio de la Fuente e xestora cultural, e afondará en como a familia pode desempeñar un papel de aprendizaxe compartido utilizando os museos como espazos de encontro e o patrimonio como vínculo artístico, cultural e estético.

Deja un comentario