+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

A FEIRA DE ARTESANÍA DE PONTE CALDELAS ENCARA A SÚA TERCEIRA EDICIÓN XA PLENAMENTE CONSOLIDADA


O pavillón de deportes volve acoller a 35 expositores chegados dende toda Galicia, que ofrecerán un ampla variedade de produtos

A terceira edición da Feira de Artesanía de Ponte Caldelas volverá converter á capital da bisbarra do Verdugo-Oitavén nunha referencia inescusable durante esta fin de semana. Este domingo, día 4, chega a terceira edición dun evento xa totalmente consolidado e no que está presente unha escolma dos mellores produtos feitos a man de toda Galicia.
A feira contará coa participación de 35 artesáns, o que garante unha ampla variedade de produtos de todo tipo, todos eles co común denominador da orixinalidade e a paciencia na súa elaboración. O público que se achegue ademais de poder participar en obradoiros, poderá gozar tamén da música en directo dos Xeitosos da Insua (horario de mañá) e As Sete Faixas (tarde).
A actividade foi presentada no Concello pola organizadora, Arantxa Esperón (máis coñecida como “Arantxa das miñas mans”), e o alcalde, Andrés Díaz. O rexedor aplaudiu esta iniciativa feita dende Ponte Caldelas e que é quen de atraer, ano tras ano, a prestixiosos artesáns.
O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) apoia a iniciativa e agradece o traballo de organización a cargo da Asociación Cultural das Miñas Mans, toda unha garantía, dado que os expositores valoran especialmente que o evento está concibido por xente do sector e para apoiar ao sector. Esta circunstancia explica que moitos deles repitan por terceiro ano consecutivo.
Nos postos poderán atoparse creacións artesáns con area de cores, roupa de lá, tallado de vidro, madeira tallada, cerámica, bisutería, xoguetes de madeira, xabróns naturais, coiro, mandilóns impermeables e moitas máis cousas. Hai tamén un oco para a gastronomía cun posto de cervexa Meiga e outro cun produtor de queixo, pimentón e allo negro.
Outras das novidades chegarán coa presenza dun experto en confección de moscas de pesca ou cun artesán que elabora réplicas de petróglifos sobre unha base de cerámica.
A asistencia á feira, que pretende ser ante todo unha experiencia lúdica para o visitante, é completamente gratuíta polo que non hai escusa para non visitala.

Deja un comentario