+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

CUBELA ANUNCIA OBRAS DE SEGURIDADE VIAL E UN NOVO PARQUE INFANTIL PARA COMPLETAR O PLAN PARROQUIAL DE VALONGO


A parroquia, que tamén se incorporará á compostaxe o vindeiro ano, terase beneficiado de case 150.000 euros co proxecto de investimentos

O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, reuniuse coa veciñanza de Valongo para explicarlle o contido do seu plan parroquial –o sexto do municipio tras os deseñados para Tenorio, Carballedo, Almofrei, Augasantas e Viascón–, que inclúe diversas obras de reforzo da seguridade vial e a construción dun parque infantil como principais investimentos.

O rexedor, que explicou pormenorizadamente as actuacións previstas entre este ano e o primeiro semestre de 2019 e recolleu as suxestións dos veciños, indicou que no que vai de exercicio a parroquia recibíu máis de 70.000 euros na mellora do firme en O Quinteiro e Casanova, o sistema de abastecemento e a colaboración coa organización e o programa de actividades da 40ª Festa da Filloa.

Ademais, reveloulles que no Plan Parroquial de Valongo se contemplan novos investimentos nos vindeiros meses ata acadar unha cifra global de 150.000 euros “coa que se pretende dar cumprimento ás demandas dos veciños e ás necesidades detectadas polo goberno local”. Nesta liña, aclarou que non se trata dunha cifra pechada, senón dunha folla de ruta e, polo tanto, podería incrementarse se aparecen novas oportunidades.

En canto ás vindeiras actuacións, todas elas previstas a curto prazo, construirase un novo parque infantil homologado con xogos variados para os cativos e catro equipos biosaudables orientados principalmente á terceira idade. Esta área suporá un investimento de 40.000 euros e será o máis elevado xunto co proxecto de mellora da seguridade vial que contempla a construción de oito badéns en diversos puntos da parroquia cunha partida de 18.000 euros.

Así mesmo, o goberno local tamén prevé a rehabilitación integral da fonte Portiño do Cobo con tarefas de limpeza, picado, rexuntado, sellado, sinalización, reparación de elementos danados e analíticas de auga e a dotación dunha nova caldeira para a Casa do Pobo. Finalmente, anunciouse que a parroquia, que vén de recibir este ano un contedor de reciclaxe de aceite doméstico, incorporarase en 2019 ao sistema municipal de compostaxe de lixo.

Deja un comentario