+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

PONTE CALDELAS AFORRARÁ OUTROS 5.700 EUROS ANUAIS EN ILUMINACIÓN BAIXANDO A POTENCIA CONTRATADA


O Concello, case culminado o cambio urbano á tecnoloxía led, comproba que sóbranlle a metade dos Kw

O Concello de Ponte Caldelas aforrará 5.728,55 euros anuais reducindo á metade a potencia contratada nos cadros que dan servizo á rede de iluminación urbana. Esta operación culmina a progresiva adaptación á tecnoloxía de toda a rede, emprendida ao longo deste mandato.
Ponte Caldelas acometeu xa catro fases de eliminación das lámpadas convencionais, con tecnoloxía de vapor de sodio, para apostar por iluminación led, unha operación que está a piques de culminarse co cambio que se vai acometer en breve na avenida de Vigo (contorna do Balneario). Da importancia da adaptación dá conta o feito de que cada lámpada convencional ten un consumo duns 250 watios, mentres os farois led consumen só 64 watios. Despois de modernizar varios centos de puntos de luz no centro urbano, o aforro en consumo eléctrico para as arcas municipais aproxímase aos 50.000 euros.
A seguinte etapa no plan de modernización pasou por unha campaña de medición e análise da potencia contratada e a realmente necesaria nos cadros de Pazos, centro urbano, Forzáns, Caritel, Caritel rotonda, pavillón de deportes e tres no polígono da Reigosa. A pesar de que con cada fase de substitución de lámpadas xa houbo reducións de potencia contratada, o resultado das medicións foi que en todos os cadros, agás nodo pavillón, a potencia case dobraba ás necesidades, disparando así os custos por termo fixo. Do estudo realizado dedúcese que dos 138 Kw contratados é posible pasar a uns 76, o que se vai traducir neste novo aforro.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) culmina deste xeito un intenso labor de modernización de toda a rede pública de iluminación no centro urbano. O seguinte paso, a acometer xa durante os próximos anos vai ser a progresiva substitución das redes dos diferentes núcleos rurais, acometendo en primeiro lugar os de maior consumo.
O cambio na tecnoloxía, xunto coa aposta polo mantemento, traducirase nunha frecuencia cada vez menor de avarías, un aspecto que hai ben poucos anos era moi preocupante en Ponte Caldelas, ata o punto de que os “apagóns” eran cousa frecuente en moitas parroquias.

Deja un comentario