+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

O DIARIO OFICIAL DE GALICIA PUBLICA HOXE A APROBACIÓN DEFINITIVA DO PRIMEIRO PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL DE CALDAS DE REIS


Con este anuncio dáse un paso máis na tramitación deste novo instrumento, que para a súa entrada en vigor o Concello terá que publicar agora no Boletín Oficial da Provincia e inscribir no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Caldas de Reis (Pontevedra), o primeiro instrumento urbanístico propio co que contará este concello despois de 10 anos dedicados ao seu deseño e planificación.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou a mediados de outubro a orde pola cal se lle daba o visto bo definitivo á totalidade do PXOM, que en decembro de 2016 recibira xa a aprobación parcial por parte da Xunta e na que se deixaba en suspenso o 4% do ámbito municipal. Con este anuncio no DOG, dáse un paso máis de cara á entrada en vigor do documento que rexerá no 100% do territorio, pendente tan só agora de que o Concello publique a normativa e as ordenanzas do PXOM no Boletín Oficial da Provincia e o inscriba a continuación no Rexistro do Planeamento Urbanístico de Galicia.

Co novo plan xeral ofrecerase seguridade xurídica á situación urbanística de todo o termo municipal de Caldas e á totalidade dos seus 9.800 veciños. Así, no documento resérvanse máis de 560.000 metros cadrados para espazos libres e zonas verdes, un 65,80% máis do esixido na Lei de solo; e 132.339 metros cadrados para equipamentos comunitarios, un 16,50% máis que o que dita a Lei. Estas consideracións permitirán levar a cabo proxectos como a ampliación da casa do Concello e do Instituto Aquis Celenis, a construción dun novo centro de saúde ou aproveitar os espazos naturais que ten Caldas de Reis ao carón dos ríos Bermaña e Umia, posibilitando a creación de parques fluviais na súa contorna.

Un plan a 16 anos vista
O PXOM está pensado para cubrir as necesidades urbanísticas de Caldas de Reis desde un punto de vista residencial e empresarial durante os próximos 16 anos. Así, o concello estará preparado para atender a creación de novas vivendas, avogando sempre polo desenvolvemento no ámbito rural aínda que sen esquecer as necesidades das zonas urbanas e urbanizables. Nese sentido, un 8,77% do concello queda clasificado como solo de núcleo rural, representando o solo urbanizable un 3,50% e o urbano un 2,03%. O restante 85,70% do territorio queda clasificado como solo rústico.

Pola condición do concello de cabeceira de comarca, o PXOM aprobado tamén presta unha atención especial ás necesidades existentes en canto a actividades produtivas e empresariais.

Así, no documento delimítanse un total de 10 sectores de uso industrial nestas zonas, regularizando ademais os asentamentos industriais xurdidos á marxe do planeamento e cunha dobre estratexia: dunha banda ordenar as actividades existentes e prever posibles actuacións; e por outra, reservar solos para atender novas demandas empresariais que poidan xurdir e a posibilidade de recolocación das actividades implantadas en solos rústicos ou de núcleo rural.

Caldas de Reis é un dos 97 concellos galegos que contan nestes momentos cun plan xeral adaptado e acorde á normativa urbanística. Desta cifra, 67 foron aprobados dende abril de 2009 e 9 no que vai da presente lexislatura.

Deja un comentario