+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

CUBELA ENCARGA UN PLAN PARA A REPARACIÓN DE XOGOS E A MELLORA DA SEGURIDADE NOS PARQUES INFANTÍS


Vanse inspeccionar todos os parques para facer unha relación das súas deficiencias e deterioros co obxectivo de correxilos no vindeiro exercicio

O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, acaba de encargar un completo plan de reparación de xogos e mellora da seguridade nos parques infantís ante a aparición dalgunhas deficiencias e deterioros polo uso, o paso do tempo e a afección da climatoloxía. Este proxecto, que foi anunciado durante a súa visita á área de lecer de Quireza, vai ser elaborado con medios propios pola Brigada Municipal de Obras.

Posteriormente, e xa coa relación completa de todos os elementos a subsanar, decidirase se as reparacións son acometidas con persoal municipal, a través dunha empresa externa ou misturando unha fórmula mixta. “Ante a aparición dalgúns xogos rotos e outras pequenas deficiencias así como algunhas demandas dos usuarios, imos inspeccionar todos os parques existentes no termo municipal, que en xeral están en bo estado, para ter un plan de actuación e proceder á súa subsanación o vindeiro ano”, explicou Cubela, que indicou que é moi importante “ampliar a rede de zonas de lecer para os cativos para ofrecerlles os mellores servizos, pero tamén o é manter en boas condicións os recintos que xa temos”.

Neste senso, este proxecto de revisión vaise centrar na ferraxe dos parafusos nos materiais das estruturas, as pintadas e grafitos, a existencia de musgos nos distintos elementos de caucho, o estado do piso amortecedor, a situación dos peches perimetrais e as circunstancias nas que se atopan os xogos e o mobiliario.

Paralelamente a este plan, o Concello de Cerdedo-Cotobade vai seguir co seu programa de extensión de parques infantís polas distintas parroquias e, tras construir ou renovar nos útimos meses os de Borela, Vilanova, Carballedo, Caroi e Cerdedo, procederá á construción de novos recintos en Viascón, Valongo, Tenorio e Santa María de Sacos.

Deja un comentario