+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

COMPLETADAS AS OBRAS DE ACCESO A UN NÚCLEO DE MEDIA DUCIA DE VIVENDAS NA PARROQUIA DA INSUA


As obras incluíron o asfaltado de todo o camiño e a instalación dunha nova rede de recollida de augas pluviais

As obras de mellora dos accesos a media ducia de vivendas na parroquia da Insua quedaron completadas co asfaltado acometido nos últimos días. A veciñanza xa pode transitar en boas condicións, toda vez que as obras remataron tamén a rede de augas pluviais evitando os problemas de acumulación nun camiño cunha forte pendente.
A vía, situada nas proximidades do cemiterio da Insua, parte da estrada autonómica PO-244 e bifúrcase no acceso ás últimas dúas vivendas, unha delas en plena restauración. Nesta parte final carece de saída, o que aconsellaba tamén un correcto tratamento para facilitar que os vehículos puidesen dar a volta.
O acceso, como tantos no rural de Ponte Caldelas contaba cun firme de formigón moi deteriorado e repetidamente parcheado, pero só na parte inicial, posto que o tramo final estaba en terra.
Agora toda a zona conta cun firme de asfalto de 5 centímetros de grosor. Ademais, completáronse as canles laterais no tramo inicial, o de maior pendente, e instaláronse dúas grellas de recollida de augas pluviais. A drenaxe realízase cun novo tubo soterrado.
A veciñanza aplaudiu a reforma, pois ve, así rematada, unha obra longamente demandada.

Deja un comentario