+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O GOBERNO DE CARMELA SILVA DESTINA PRETO DE NOVECENTOS MIL EUROS A OUTROS CINCO CONCELLOS DA PROVINCIA


Financiaranse obras de pavimentación, acondicionamento e reforma de espazos en Moaña, Ponteareas, Tui, As Neves e Marín que, no seu caso, con esta achega pecha o Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar novos investimentos nun total de cinco municipios da provincia no marco da liña 1 do vixente Plan Concellos. Trátase dun total de sete partidas por un total de 874.280,78 euros para Moaña, Ponteareas, Tui, Marín e As Neves.

En primeiro lugar, o goberno de Carmela Silva aprobou unha achega de 198.169,83 euros para Marín que serán destinados á reposición de pavimentos en distintos camiños do rural da vila (Camiños Regueiras e Barronca; subida a Pereiro; e viarios en Cadrelo, Sobreiras, Bouza, Gaibas, Pereiriña, e Macenlle). É a última achega do plan Concellos deste ano para a vila que completa así os seus investimentos. Este ano, a través do Plan provincial, a Deputación de Pontevedra destinou a Marín 1.771.748,31 euros, un 72,49% máis que no exercicio anterior.

Amais, o goberno ven de aprobar dúas achegas por un valor total de 250.000 euros para Moaña. Máis polo miúdo, 150.000 euros para financiar a reforma do parque infantil de San Bartolomeu; e outros 100.000 euros serán destinados á finalización do paseo de Domaio. Este ano, a través do Plan Concellos, a Deputación de Pontevedra destina a Moaña 1.700.604 euros, o que supón un 76,15% máis que o ano pasado.

Para Ponteareas, o Goberno provincial autorizou dous investimentos por un valor de 272.507,99 euros. Concretamente, 119.689,74 euros para o subministro de xogos para os parques infantís urbanos e rurais de Ponteareas; e 152.818,25 euros para financiar a ampliación da rede de abastecemento en varios núcleos da vila. A través do Plan Concellos, Ponteareas ten este ano 1.984.813,32 euros a súa disposición, un 73,35% máis que no exercicio anterior.

No caso de Tui, a Deputación deulle o visto bo a unha partida económica de 78.602,96 euros para financiar a separación de augas pluviais e a reparación de beirarrúas na estrada de Baiona (Tui). A través do vixente Plan Concellos, a institución provincial destina a Tui 1.769.637,16 euros, o que supón un 76,35% máis que en 2017.

Finalmente, para As Neves, a institución provincial autorizou hoxe un investimento de 75.000 euros para financiar o proxecto de rehabilitación e ampliación de edificación existente, urbanización e peche de parcela para punto de atención á primeira infancia. A través do Plan Concellos, As Neves ten este ano 926.900,17 euros a súa disposición, un 74,36% máis que o ano pasado.

Deja un comentario