+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

O CONCELLO ASINA OS CONVENIOS COAS ESCOLAS DE MÚSICA DE CERDEDO E TENORIO PARA APOIAR AS SÚAS ACTIVIDADES


Cubela destaca a “gran labor formativa e cultural” de ambas escolas e garante o “máximo apoio” do goberno para consolidar o seu futuro

O Concello de Cerdedo-Cotobade xa ten asinados os dous convenios de colaboración coa Escola de Música de Cerdedo e coa Escola da Banda de Música de Tenorio para apoiar economicamente o desenvolvemento das súas actividades para o presente curso académico. Deste xeito, ambas entidades recibirán unha partida global de 8.000 euros, que se distribúen, en base á cifra de matriculas e outros criterios de baremación, con 3.500 euros para a entidade de Cerdedo e 4.500 euros para a de Tenorio.

O presidente municipal, Jorge Cubela, destacou a “gran labor formativa e cultural” de ambas escolas e considerou que a aportación municipal “é máis que merecida polo seu traballo” ao tempo que garantiu o “máximo apoio” do goberno local, tamén para os cursos sucesivos, co obxectivo de consolidar o seu futuro.

O convenio de colaboración coa entidade de Cerdedo foi asinado hai algunhas semanas coa presenza de Jorge Cubela e do entón vicepresidente municipal, José Balseiros, e o acto coa escola de Tenorio celebrouse nos últimos días.

Deja un comentario