+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

PONTE CALDELAS FARÁ UN ESTUDO DE TODA A REDE DE AUGA E SANEAMENTO AO DETECTAR PROBLEMAS NA PRAZA DE ESPAÑA


 

O Concello viuse obrigado a prolongar un corte de auga anunciado para hoxe por mor do mal estado da rede

O Concello de Ponte Caldelas realizará un estudo das súas redes urbanas de abastecemento de auga e saneamento. Os problemas xurdidos durante as obras da praza de España evidenciaron a necesidade da elaboración deste traballo, como medida de precaución.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) está moi preocupado tras o que vén de aflorar na praza de España, onde o subministro de auga estaba resolto cun mínimo tubo de PVC en mal estado de conservación e que xa a semana pasada deu moitas dificultades para ser empalmado cun by-pass provisional.
No día de hoxe estaba programado un corte de subministro de 8 a 10 horas para acometer boa parte da nova rede da praza. O plan consistía en subministrar alternativamente, a partir das 10, dende a avenida de Vigo, en lugar da avenida de Pontevedra, aproveitando a existencia dun circuíto circular na praza de España. A sorpresa chegou ao comprobar que tal circuíto non funcionaba ao abrir as chaves na avenida de Vigo.
Diante desta circunstancia foi preciso acelerar ao máximo os traballos en marcha para a instalación da nova rede, incluíndo o subministro urxente de dúas pezas. O abastecemento quedou restaurado preto das 15.30 horas. Nestes momentos, tan só falta por instalar as válvulas definitivas de subministro a dous edificios (xa contan con servizo provisional), así como unha boca de rego e un hidrante para bombeiros. Estes últimos traballos, de pouca envergadura, serán resoltos nos próximos días e, moi probablemente, xa en horario nocturno.
O alcalde, Andrés Díaz, anunciou a urxente necesidade desta auditoría das redes de auga e saneamento, “pois atopámonos cun auténtico caos no que non se sabe exactamente por onde van os tubos de varias calles, hai unha selva de chaves, cruces e, o peor de todo, unha rede completamente obsoleta, feita aos cachos, e que seguramente calquera día nos dá un serio disgusto”.
“Xa temos”, explicou, “a experiencia da rede de alumeado público, que atopamos nun estado de abandono tal que foi necesario contratar unha empresa de mantemento e emprender un potente plan de investimentos para ila substituíndo por completo, pero os tubos non se ven e custan moitos máis cartos, así que imos ser prudentes”.

Deja un comentario