+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN FINALIZA AS OBRAS DE MELLORA DE MEDIO QUILÓMETRO DA ESTRADA PROVINCIAL MANE-REBÓN EN BARRO


Os traballos consistiron na instalación de elementos de calmado de tráfico e na rehabilitación do firme e foron adxudicados por 74.200 euros

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra rematará esta semana as obras de reparación de firme e mellora da seguranza viaria nun treito de medio quilómetro da estrada provincial EP-0503 Mane-Rebón, dentro do termo municipal de Barro. Segundo explica o deputado Uxío Benítez unicamente resta realizar pequenos remates para que se finalice todo o traballo de calmado do tráfico. Xa está rematada a mellora dunha beirarrúa, así como os traballos de rehabilitación do firme.

O deputado nacionalista nacional explica que o proxecto de mellora da estrada Mane-Rebón, adxudicado á empresa ‘Nemesio Ordóñez’ por 74.200,44 euros, redactouse debido á existencia de deficiencias tan graves como que a vía carecía da última capa de rodadura. A maiores, existía unha beirarrúa incompleta que remataba nun noiro, e existía un estreitamento da estrada entre as fachadas das casas que esixía calmar o tráfico dos vehículos que pasaban pola zona. A solución a estes problemas fora reclamada polo alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, así como secundada polo persoal técnico provincial, que comprobou o mal estado da vía.

As obras comezaron a finais de setembro logo de iniciar a licitación en febreiro deste ano cun orzamento de 98.526 euros. Presentáronse nove ofertas de empresas interesadas en facer os traballos, das que algunhas foron rexeitadas por propoñer baixas económicas temerarias. O contrato con ‘Nemesio Ordóñez’ foi formalizado no mes de agosto.

“Esta actuación entra dentro da nosa Estratexia 3.0 de Mobilidade, que aposta polo calmado de tráfico e a seguranza viaria. Entendemos que unha perfecta conservación da nosa rede de estradas permite eliminar situacións de violencia viaria tanto para as persoas que transitan polas beiravías, como tamén para os condutores dos vehículos, e no caso da estrada de Mane-Rebón ao seu paso por Barro había unha clara situación de perigo polo estreitamento da vía na zona de casas”, subliñou o deputado Uxío Benítez.

Deja un comentario