+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

LEILÍA E ROI CASAL PROTRAGONIZAN OS DOUS CONCERTOS DO MUSIGAL NA ESTRADA


O de Leilía, que terá lugar o 17 de novembro, será un dos últimos concertos do seu traballo ‘Consentimento’
Roi Casal, que actuará o 1 de decembro, gravará o concerto da Estrada para incluír algún tema no seu próximo disco con actuacións en directo
O programa MUSIGAL da Deputación de Pontevedra levará á Estrada as actuacións de Leilía e de Roi Casal, ambas no Teatro Principal, e o Concello porá os convites a disposición do público a partires de mañá. “Estes dous concertos están levantando unha gran expectación e a xente xa leva días chamando para saber como se poden conseguir as entradas” asegurou esta mañá o alcalde da Estrada, José López, na presentación das actuacións. O rexedor da localidade estivo acompañado na presentación polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, por dúas das integrantes do grupo Leilía, Montse Rivera e Felisa Segade, e por Roi Casal.
O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal fixo especial fincapé en salientar que “o Concello da Estrada soubo aproveitar moi ben o espírito do MUSIGAL, que non é outro que o de complementar ás programacións dos concellos e contribuír a promover a música en galego por toda a provincia, tanto nos concellos grandes como nos pequenos”. Neste sentido, o propio alcalde felicitou á Deputación “por esta proposta que está xerando moitas expectativas e que nos permite contar con actuacións de primeira liña e situar á Estrada no mapa cultural galego ao primeiro nivel”. José López sinalou que estes dous concertos “porán o broche final a unha programación estable que levamos realizando todo o ano” e asegurou que tamén contribuirán aos actos do mes de decembro, ao que denominou “o mes García Barros”, no que se conmemoran as 30 edicións do premio de novela que leva o nome do autor estradense.
Xosé Leal aproveitou para anunciar que “ o MUSIGAL, que foi un programa que naceu neste 2018 co Ano da Lingua, terá continuidade no 2019 co Ano da Música”. O deputado nacionalista asegurou que “nesta primeira edición xa constatamos que foi todo un éxito” e aproveitou para “felicitar ao Concello da Estrada pola escolla destas actuacións que pertencen a dúas categorías do programa moi significativas”. A este respecto, Leal lembrou que o Musigal se compón de seis categorías para dar mostra “do amplo abano de música en galego, máis aló da música tradicional”, e citou o papel das mulleres creadoras no mundo da música, o da mocidade, o de formacións que realizan espectáculos para crianzas e dos grupos que apostan por ritmos como o pop ou o rock.
O concerto de Leilía terá lugar o sábado 17 de novembro e será, segundo anunciou Felisa Segade “un dos últimos concertos co noso traballo ‘consentimento’ porque para o ano cumprimos 30 anos como formación e sacaremos un disco novo”. A tamén integrante de Leilía, Montse Rivera aproveitou para poñer en valor o nacemento do Musigal asegurando que “había unha eiva no campo da música profesional e a Deputación soubo cubrila con esta iniciativa”. Pola súa banda, Roi Casal, que actuará o domingo 1 de decembro, asegurou que está a traballar na gravación de temas en directo para editar un novo disco complementario a “Son Galego, Son Cubano” e anunciou que “o concerto da Estrada tamén o gravaremos con idea de incluír algúns temas que toquemos aquí no novo traballo”. Os temas forman parte do espectáculo en directo pero non están incluídos no CD ‘Son Galego, Son Cubano’. Ademais, Roi Casal tamén fixo unha apaixonada defensa da vinculación da Estrada coa emigración e coa salvagarda do galeguismo a través e figuras senlleiras como Reimóndez Portela ou Manuel García Barros.

Deja un comentario