+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O PLAN REVITALIZA, “REFERENCIA TOP” A SEGUIR POR OUTRAS ADMINISTRACIÓNS DEBIDO Á SÚA “EXCELENCIA”


 

A compostaxe é imparable e o Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra estase a consolidar como unha referencia ‘top’ a seguir por outras administracións. Así o manifestaron diferentes representantes do Ministerio de Transición Ecolóxica, de administracións catalanas, navarras e do País Vasco que se reuniron en Pontevedra para coñecer o modelo pontevedrés, do que destacaron a súa “excelencia” por abordar a xestión do lixo dende un enfoque poliédrico, tocando aspectos formativos, sociais e comunicativos.

O vicepresidente César Mosquera foi o anfitrión da delegación de compostaxe, coa que mantivo un encontro despois de visitar algúns dos centros de compostaxe comunitaria da cidade de Pontevedra e tamén os de Príncipe Felipe. O nacionalista recolleu todas as louvanzas que se lanzaron ao Plan Revitaliza, subliñando que “estamos a demostrar que a nosa pode ser a base para un tratamento dos residuos alternativa e que está a funcionar ben”.

Mosquera lembrou que o obxectivo do workshop que reuniu a todos os expertos, ademais de coñecer o plan provincial, era crear unha guía sobre compostaxe comunitaria e debater sobre a nova normativa de residuos e como se aplica no estado español, xa que hai acordo para recoller separadamente e tratar por compostaxe os biorresiduos. O vicepresidente lembrou que a Deputación, ademais de ser unha institución con potencia e recursos, tivo a vantaxe de desenvolver a súa aposta sobre compostaxe cando había suficiente coñecemento “como para que a cousa saíse previsiblemente ben”. “A nosa aposta non é unha pequena experiencia ou experimento. Esa é a grande novidade”, finalizou.

Entre os que participaron nas xornadas de traballo que manifestaron a súa admiración polo Plan Revitaliza estivo a representante da Axencia de Residuos de Cataluña, no departamento de recollida selectiva, Nora Sansebastián, quen subliñou que coa visita a Pontevedra comprobouse que hai unha aposta a nivel político e económico moi clara da Deputación, o que fai que o Plan Revitaliza sexa un “éxito absoluto”. “Creo que no estado español se pode ver que hai moitas probas de compostaxe, pero non chegan a este nivel de excelencia”, explicou, “porque isto é chegar á profesionalización dunha xestión que ata agora non se levaba de maneira tan controlada”.

En canto á bagaxe que a representante catalana leva de Pontevedra, Sansebastián subliñou que en Cataluña nestes momentos ten máis de 26.000 compostadores instalados, pero nunca se plantexara a xestión diaria e un seguimento e control como se fai en Pontevedra: “Eu levo moito traballo para a Axencia de Residuos e debo plantexar que seguimento e que futuro seguimento se fará a estes compostadores que temos. Alí trátase o tema de maneira moi pedagóxica, de que se debe facer coa materia orgánica, pero non se chega a niveis de excelencia ou de materiais de compost como os que se están a conseguir aquí cun grande control de analíticas. Nós temos que facer un plantexamento global intensivo”, apuntou.

Pola súa banda, Eva Díaz de Arcaia, representante da Deputación Foral de Álava como xefa de prevención ambiental, tamén fixo unha valoración moi positiva da visita a Pontevedra. Subliñou estar “de subidón” polo coñecemento adquirido e cualificou o Plan Revitaliza como un sistema de xestión moi extrapolable ao seu territorio. “Adaptándoo a cada situación, climatoloxía e dispoñibilidade de cada ámbito, é extrapolable, xa que en Álava existe tamén unha capital Victoria-Gasteiz onde se concentra o 75% da poboación, pero o 25% restante está nun área rural moi consolidada na que está habendo moitas iniciativas de compostaxe comunitaria, pero onde falta a pata da formación”, apuntou.

Destacou que un dos puntos fortes nos que debe traballar a súa administración é dotar de medios materiais e de medios persoais o modelo, xa que estes últimos “son imprescindibles. Iso creo que o levamos todos marcado a lume”, apuntou. Subliñou ademais que fai falta moita pedagoxía: “Alí vexo os dous extremos, as persoas que están moi concienciadas e ás que lles dá igual que haxa incentivos económicos ou non porque o van facer –compostar-, e o outro extremo de persoas que o cuestionan todo absolutamente e en lugar de dicir ‘eu vou tratar de facer algo’, o que fan é poñer pegas porque teñen que colaborar e pagar impostos. Eu cando detecto isto penso que en lugar de enfadarnos temos que dicir, é unha realidade que existe e temos que traballar para informar. Moitas veces estamos moi encerrados nos nosos despachos e falta información, trasladar con máis transparencia e botar por terra moitos mitos, xa que moitas persoas traballan moitísimo para que despois haxa mitos que son mentira”.

Eximente de autorización expreso
A representante da subdirección xeral de residuos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, Gema Gonzalo Pedrero, destacou que o seu departamento está a traballar para eximir de forma expresa de autorización ás areas de compostaxe comunitario que agora están nun vacío legal. Gonzalo Pedrero destacou que actualmente os tratamentos de residuos requiren unha autorización por parte do órgano ambiental competente en cada comunidade e segundo as súas normativas. Apuntou que o obxectivo do Ministerio é que esa autorización desapareza de forma expresa se se cumplen uns requisitos.

Hai que lembrar que no caso da lexislación galega, a normativa autonómica fixa que as administracións precisan unha licenza só cando son instalacións que xestionan máis de 50 toneladas de residuos ao día, o que non é o caso dos centros de compostaxe postos en marcha en Pontevedra polo Plan Revitaliza, e que no casou doutras comunidades as autorizacións réxense por outros criterios.

Segundo a técnica, dado que a Ley de residuos prevé no artigo 28 que poderán quedar exentas de autorización as actividades de valorización de residuos recollidas nunha orde ministerial, o Ministerio está a traballar para desenvolver esa orde e así deixar exentos de autorización de forma expresa, tácita e clara, os centros de compostaxe comunitaria regulados e de garantías. “Esta viaxe a Pontevedra e o que aprendemos co persoal técnico –mestras e mestres composteiros- que están a traballar no día a día da compostaxe serviu para establecer os requisitos que se teñen que cumprir a nivel estatal en todas as áreas de compostaxe comunitaria para que queden exentes da autorización administrativa”, destacou Gonzalo Pedrero, poñendo de releve as cualidades positivas dos centros de compostaxe da provincia.

A representante do Ministerio destacou tamén que “hai áreas de España nas que se ten moito coñecemento sobre a compostaxe doméstica e comunitaria, pero hai outras que aínda están en fase previa ou de formación. Aquí en Pontevedra vimos a formación dos mestres composteiros, que é moi exhaustiva. Coñecen moi ben o proceso de tratamento e hai áreas de España na que aínda comeza agora o seu traballo en reciclaxe”. Subliñou, novamente, que existen uns obxectivos que cumprir, que vén de marcar a Unión Europea para o reciclado de todos os residuos e nos que é preciso abarcar a fracción orgánica.

Deja un comentario