+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

PONTE CALDELAS AFRONTA UN CORTE DE AUGA NOCTURNO PARA COMPLETAR TÓDALAS CONEXIÓNS NA PRAZA DE ESPAÑA


O Concello aproveitará para racionalizar a rede vella, eliminando chaves, cóbados e puntos débiles

O Concello de Ponte Caldelas realizará un corte de auga nocturno, entre as 23.30 horas de hoxe, mércores, e as 04.30 horas de mañá, xoves, para rematar cos enganches definitivos dos abonados da praza de España, instalar unha boca de rego e un hidrante para bombeiros, co que xa non haberá máis cortes ata o remate das obras, momento no que volverá ser necesario retirar un by-pass provisional.
Diante dos problemas xurdidos por mor da caótica e obsoleta rede municipal existente o pasado luns, o Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) tomou a determinación de acometer os traballos en horario nocturno co obxectivo de minimizar as molestias á veciñanza. O alcalde, Andrés Díaz, que asumiu a responsabilidade, afirmou que “dos erros apréndese”.
O corte afectará aos abonados da avenida de Vigo e da rúa da Ponte e non se prevén máis problemas para completar os traballos pendentes, despois dunha exhaustiva análise das necesidades, especialmente nas conexións co tramo vello que engancha coa nova rede da praza de España.
A parte máis delicada destas obras será, precisamente, a modernización que se vai realizar nestes tramos vellos, que aínda contan con pequenos e deteriorados tubos de PVC. A empresa que realiza as obras da praza de España e os operarios municipais chegaron á conclusión de que é necesario retirar varias chaves de paso inútiles, así como varias conexións en cóbado, que son auténticos puntos débiles e susceptibles de causar unha avaría.
Por outra parte, unha vez rematadas estas obras nocturnas, a rúa da Ponte, que é a arteria principal de Ponte Caldelas contará coa posibilidade de dispor de subministro alternativo por dúas vías, gracias á sectorización da nova rede, cousa que como se comprobou o pasado luns, non era factible ata o de agora.
O Goberno local elaborará un estudo pormenorizado do servizo de subministro municipal, despois de que o pasado luns saltaran as alarmas diante da debilidade, obsolescencia e descoñecemento existentes sobre a súa situación real.

Deja un comentario