+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

O SERGAS GARANTE A MORAÑA A SÚA PRAZA DE PEDIATRÍA COMPARTIDA CON CUNTIS E AGARDA PODER CUBRILA NESTE MES


Piñeiro ten avalado o futuro do servizo “porque do contrario sería a primeira, como nai e alcaldesa, en adoptar medidas de presión”

 

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, informou na xornada de hoxe que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) confirmoulle e doulle garantías de que a praza de Pediatría do centro de saúde do municipio, que se comparte con Cuntis, vaise manter no cadro de persoal “e en ningún caso vai ser nin amortizada nin suprimida”.

“A Consellería de Sanidade é moi sensible ás nosas demandas e é perfectamente consciente de que, malia as dificultades para cubrir as prazas de Pediatría, dous municipios que suman máis de 9.000 habitantes non poden quedar sen este servizo e por iso está facendo esforzos para conseguir un profesional que ocupe este posto, algo que posiblemente se producirá neste mes”, explicou a rexedora.

Tras manter numerosas reunións e realizar xestións con todos os responsables do Sergas, Piñeiro quixo tranquilizar aos veciños xa que está avalado o futuro do servizo de Atención Pediátrica tal e como se presta ata a data: “Mantemos a nosa praza de especialista, malia algunha declaración supoño que errónea que recolle algún medio, e simplemente nos estamos vendo afectados polo recente concurso de traslados e a falla de profesionais, pero os usuarios poden estar tranquilos porque do contrario eu mesmo sería a primeira, como nai e alcaldesa, en adoptar medidas de presión”.

En calquera caso, e tras as explicacións recibidas e a garantía do servizo, Piñeiro cre que debe ser “comprensiva, prudente e paciente, xa que non se lle escapa a ningúen que non hai pediatras e a administración está traballando todo o que pode para darnos unha rápida solución”. Ante esta situación, solicitou desculpas –malia non ser unha competencia municipal– e pediu colaboración aos veciños.

Cómpre sinalar que durante as vindeiras semanas, os usuarios do servizo de Pediatría de Moraña van ter que seguir acudindo ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Caldas de Reis, tal e como sucede nos dous meses centrais de verán e como se estableceu na última quincena tras quedar vacante a praza morañesa no concurso de traslados convocado pola administración galega. No caso dos cativos maiores de tres anos, serán atendidos por doutores de medicina xeral do centro de saúde de
Moraña cando se trate dunha enfermidade común para evitar desprazamentos.“A cobertura da Pediatría en Moraña está garantida e reanudarase tan pronto como apareza un especialista para a nosa praza polo que, aínda que poida entender a política barulleira do BNG para tratar de rabuñar algún votiño, non acepto nin comparto que levanten unha innecesaria alarma social”, indicou, antes de detallar que “mentres os nacionalistas se ocuparon do tema vinte minutos para facer unha nota de prensa, eu actúo de xeito responsable e levo moitísimas horas para conseguir, non que se manteña a praza, que nunca se discuteu, senón que se cubra o máis rápido que sexa posible”.

Deja un comentario