+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

O CONCELLO PROGRAMA O INICIO DE OBRAS EN SEIS PISTAS DE CERDEDO, TOMONDE, FOLGOSO E QUIREZA CO PLAN DE VÍAS 2018


Trátase da segunda actuación en marcha, tras o ensanchamento do vial de Arrotea, neste ambicioso proxecto, dotado con 1,38 millóns de euros

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de programar o inicio de obra da mellora de seis pistas das parroquias de Cerdedo, Tomonde, Folgoso e Quireza cun orzamento de 114.000 euros no marco do Plan de Vías 2018-2019. O presidente municipal, Jorge Cubela, realizou unha visita aos camiños interiores de Os Castros, en Quireza, e anunciou que este proxecto de obras xa está adxudicado, cunha importante baixa do 24%, e os traballos “comezarán de inmediato tan pronto como cesen estas fortes choivas”.

As seis actuacións contempladas neste lote correspóndense co ensanchamento e pavimentación en Limeres, o acondicionamento integral do acceso á potabilizadora de Cerdedo, a mellora de camiño en Cachofés (Folgoso), a dotación de recollida de pluviais na parte superior de Tomonde e a pavimentación de vías en Fondós e nos camiños interiores de Os Castros, ambos pertencentes á parroquia de Quireza.

Deste xeito, o Plan de Vías 2018-2019 comeza a coller ritmo, xa que se trata da segunda actuación do mesmo posta en marcha tras o recente comezo do ensanchamento e renovación do firme da pista entre Arrotea e Xesteira, que favorecerá a mobilidade interna da parroquia de Almofrei e súa conexión coa estrada autonómica PO-233, entre Bora e Carballedo.

Ademais, Cubela explicou que nas vindeiras semanas producirase a adxudicación e o inicio de obra de practicamente as dez actuacións restantes recollidas no mesmo, que permitirán realizar un total de 38 melloras en infraestruturas espalladas por 15 parroquias –dez de Cotobade e cinco de Cerdedo– cun orzamento global de 1,38 millóns de euros.

En canto aos proxectos a desenvolver, figuran as pavimentacións en San Xurxo, Cutián, Viascón e Santa María (160.575 euros), pavimentacións, cunetas e canalizacións nas Lagoas, Carballedo, Valongo, Famelga e Loureiro (145.650), mellora de camiños en Loureiro, Vilar, Pozo Negro, Costa, Parada de Tenorio e Vila de Abaixo (121.000), mellora das pistas de Arrotea e Limeres (125.575), obras en Esbarrela, capela de San Antonio, Vilar, Viduído e Vilarchán (120.602), mellora viaria en oito pistas de Tenorio, Calvelo e Parada (250.000), Casanova e O Quinteiro (40.000), actuacións en Barro, Chamadoira e outros (120.000), novo acceso ao colexio de

Carballedo (60.000), ensanchamento interno en Vilanova (45.000), accesos a Limeres e á potabilizadora de Cerdedo (94.738) e ensanchamento do Camiño do Quinteiro, en Tomonde (100.481).

Deja un comentario