+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

O CONCELLO IMPULSA O ENSANCHAMENTO E MELLORA VIARIA DA PISTA DO OUTEIRO, EN AMIL, CUN INVESTIMENTO DE 126.000 EUROS


Trátase dunha actuación que, a través do desmonte dun talude, permitirá ampliar os catro metros da calzada na vía cara A Torre

 

O Concello de Moraña está a impulsar un amplo proxecto de ensanchamento e mellora viaria no Outeiro, na parroquia de Amil, que potenciará a mobilidade da pista que se dirixe cara a zona da Torre cun investimento de 126.500 euros. A alcaldesa, Luisa Piñeiro, efectuou un percorrido polos 437 metros beneficiarios desta actuación para supervisar os derradeiros detalles xusto no momento no que se afrontan os trámites administrativos para proceder á súa contratación.

Esta mellora pretende corrixir o perfil das curvas, o estado do firme, a deficiente sinalización e a drenaxe desta estrada cuns traballos que se centrarán no desmonte do talude da marxe dereita e o aproveitamento dunha franxa lateral de terreo para incrementar os 4 metros de anchura cos que conta actualmente a vía. Deste xeito, pretende dárselle unha dimensión constante a toda a calzada e favorecer a circulación simultánea nunha pista bastante utilizada pola veciñanza.

Tras acometer a excavación, procederase ao fresado do 25% da plataforma existente e á dotación dunha base de zahorra e grava para posteriormente renovar o firme cunha mistura bituminosa en quente de 5 centímetros de groso. Así mesmo, vaise mellorar a sinalización, o balizamento e os sistemas de drenaxe.

Polo demais, este proxecto, que pertence ao Plan Concellos, ten un prazo de execución de tres meses dende a sinatura da acta de replanteo e beneficiarase dunha garantía dun ano dende o seu remate.

A rexedora local, tras percorrer a vía, quixo destacar a importancia da obra para a mobilidade da zona e pediu desculpas por adiantado aos usuarios, xa que é posible que se produzan desvíos ocasionais de tráfico durante as obras. “A falla de dous meses para o remate do ano temos en marcha, con esta actuación, todos os investimentos deste exercicio, que chegan á cifra récord de 2,7 millóns, á espera do proxecto de rehabilitación do novo local social de Alende, o cal é para sentirnos orgullosos polo

 

traballo e sobre todo polos beneficios, infraestruturas e servizos que recibirán e dos que gozarán os nosos veciños”, concluiu Piñeiro.

Deja un comentario