+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

EXPOBUS IBERIA ESTRÉASE CON 100 FIRMAS EXPOSITORAS, AS EMPRESAS MÁIS DESTACADAS DO SECTOR E UN INTERESANTE PROGRAMA


A PARTICIPACIÓN EN CANTO A CIFRAS E MARCAS FAI QUE A FEIRA SE SITÚE XA NESTA PRIMEIRA EDICIÓN COMO UN DOS EVENTOS RELEVANTES DESTE ÁMBITO A NIVEL NACIONAL

A feira de transporte de viaxeiros por estrada ExpoBus Iberia 2018, a cal se celebra mañá venres e o sábado na Feira Internacional de Galicia ABANCA, contará nesta primeira edición con 101 firmas expositoras de 13 países.

Destas empresas presentes no certame 46 serán expositores directos de España e Portugal, e 55 indirectos. En cantos á superficie, ocuparán 5.793 metros cadrados netos e 11.000 brutos. Sumaranse ademais outros 17.000 metros cadrados brutos correspondentes ao espazo ocupado por distintas actividades tanto no pavillón contiguo ao principal como no exterior.

Entre estes expositores estarán presentes moitas das principais empresas fabricantes do sector do autobús e o autocar, importantes marcas carroceiras e un notable número de compañías relacionadas coa industria auxiliar.

Unha participación en cifras e importancia das marcas que fan que nesta primeira edición ExpoBus Iberia se sitúe xa como un dos eventos relevantes do sector a nivel nacional.

A súa atractiva área expositiva unirase a un non menos interesante programa de actividades para converterse nun escaparate das novas tendencias do sector, un foro de análise da actualidade e un punto de encontro para empresas e profesionais vencellados con este ámbito.

Xornadas, premios e exposición de clásicos

A programación de ExpoBus Iberia inclúe a celebración de interesantes xornadas técnicas. No seu marco o primeiro día abordase a situación do transporte de viaxeiros en Galicia, con presencia dun representante da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, os presidentes das catro asociacións representativas do sector en Galicia e outros expertos. Xa o sábado, e co peche da xornada por parte de Ignacio Maestro, director xeral de Mobilidade, analizaranse os cambios tecnolóxicos e sociais que se están a producir na mobilidade, centrándose en aspectos como o marketing na promoción da mobilidade, a intelixencia artificial e oportunidades do BigData e as tecnoloxías embarcadas no autobús.

Outras das propostas da feira será o Premio ao Mellor Condutor de Autocar de España, o cal xa existe noutros lugares de Europa e estréase no país da man de ExpoBus. Para outorgar este galardón avaliaranse aspectos como o trato co viaxeiro e a equipaxe, a suavidade na condución, a anticipación ou os hábitos da condución. Entre as probas que deberán levar a cabo os condutores que se presenten, as cales serán supervisadas por un centro de formación especializado en técnicas especiais de condución, estarán un slalom en diferentes sentidos, diana de precisión na parada, freada de emerxencia, proba de paso estreito ou aparcamento.

Outra vistosa actividade do programa será unha exposición de autobuses clásicos. Contará cunha vintena de orixinais vehículos dende a década dos 30, como algún que levaba conxuntamente gando e persoas, outros que contaban con extras da época como un floreiro na parte central do parabrisas ou un autobús que é o único que se conserva do seu modelo e que diferenciaba tres clases para levar aos pasaxeiros, primeira, segunda e tamén terceira, a cal contaba con 20 prazas no teito. Tamén se poderá ver equipamento, como radios antigas ou os traxes de época que estaban obrigados a levar os condutores de liña regular, con detalles como as gorras ou os botóns coa inscrición TC, en alusión ao transporte por carretera.

Deja un comentario