+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

PONTE CALDELAS COMPLETA A MELLORA DE TÓDOLOS PARQUES INFANTÍS URBANOS


O Concello logra un aforro dun 30,5% na adxudicación nunha licitación á que concorreron 15 empresas especializadas de toda España

As obras de renovación dos catro parques infantís urbanos de Ponte Caldelas quedaron completadas esta semana para satisfacción dos máis cativos, que xa están a gozar dunha rede de áreas de xogo modernas e dotadas con elementos da máxima calidade e cos máximos requisitos de seguridade.
O Concello investiu un total de 33.862,61 euros nas obras dos parques da praza de Frei Antonio Orge (gardería-ludoteca), do paseo da Calzada e o do edificio Sol (detrás do Froiz). As obras foron realizadas pola empresa Ingeniería y Construcciones Piñeiro S.L.U., que gañou o concurso municipal sobre outras 14 empresas especializadas de toda España. O tipo de licitación foi de 48.599,65 euros, polo que a actuación foi adxudicada cun aforro para as arcas públicas dun 30,5%.
O Goberno local caldelán (PSdeG-PSOE, AVP e o BNG) cumpre así o obxectivo de dispor de tódolos parques infantís urbanos en perfectas condicións, toda vez que o parque central, xa foi reconstruído completamente en 2016 para dotalo de elementos tan atractivos como unha tirolina. Agora, aproveitando a mellora dos outros tres parques, foi reforzado tamén cun novo elemento multixogo.
Ao mesmo tempo, o Concello está rematando a reparación integral dos preto de 40 parques infantís espallados polos núcleos do rural, acabando coa máis absoluta falta de mantemento que se viña arrastrando dende hai anos.
O parque da praza Frei Antonio Orge foi dotado de céspede artificial e de novos columpios. O elemento central é agora un multixogo tipo barco con accesos laterais e tobogán. Tamén se instalaron balancíns e se repuxo a area da zona superior. Nos próximos días serán reparados todos os pequenos muros que delimitan este espazo, moi utilizado polo alumnado da gardería e a ludoteca.
O parque do paseo da Calzada, pola súa banda, foi dotado dun caixeado, con subministro de area. O seu elemento protagonista é agora un multixogo en forma de formiga vermella (ao igual que o parque central). Tamén se instalaron balancíns, un peche de madeira, dous bancos e dúas papeleiras resistentes ao sol.
Finalmente, o parque do edificio Sol, viu tamén renovada a area e foi mellorado coa instalación duns novos columpios e un balancín.

Deja un comentario