+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O ORZAMENTO DA DEPUTACIÓN PARA O 2019 ASCENDE A CASE 158 MILLÓNS DE EUROS PARA “CUBRIR AS DEMANDAS DUNHA PROVINCIA DO SÉCULO XXI”


Carmela Silva enxalza a redución da débeda, “que dos 39 millóns que nos atopamos baixámola ata os 12 e se quedarán en 7 no 2019. Estamos a facer un esforzo como nunca se fixo”

O vicepresidente Mosquera destaca que neste mandato a Deputación destinará aos concellos 300 millóns de euros, o dobre que en etapas anteriores

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao vicepresidente provincial, César Mosquera, deron a coñecer esta mañá o orzamento para o 2019 da institución que ascende a case 158 millóns de euros. O orzamento, que segundo a presidenta e o vicepresidente segue as liñas de atención á cidadanía e desenvolvemento marcadas no acordo de goberno aprobado ao inicio da lexislatura, “supón –tal e como indicou Silva- un esforzo como nunca antes se fixo para cubrir as demandas dunha provincia do século XXI”.

Carmela Silva especificou que o orzamento para o 2019 será de 157.962.348 euros que, se inclúe o consolidado (é dicir, a Escola de Enfermería e os dous Consorcios de Protección contra Incendios) ascende a 161.384.163 euros, cumprindo todos os requisitos de estabilidade orzamentaria, regra de gasto e límite de débeda que establecen as leis do Estado. A presidenta puxo en valor que “cando chegamos á Deputación a mediados do 2015 o orzamento estaba practicamente esgotado. Nós decidimos incrementalo no 2016 e ir aumentándoo de xeito constante ano tras ano e isto da man da redución da débeda”. Deste xeito, Silva explicou que en catro anos vanse reducir 32 millóns de euros de débeda, xa que ao inicio da lexislatura era de 39 millóns de euros, nestes momentos é de 12 millóns de euros e se espera descenda aos 7 millóns de euros ao remate do 2019. Amais, xunto á redución da débeda tamén se da unha redución do gasto corrente ao pasar dun incremento do 8,3% no 2015 ao 1,65% previsto para o 2019.

Tamén adiantou a presidenta datos pormenorizados por servizos e iniciativas. Neste eido, Silva comezou falando do Plan Concellos: “o noso plan estrela de transferencia aos concellos que no 2019 vai ter 43,4 millóns de euros, é dicir, un incremento do 3% con respecto ao 2018”. Máis polo miúdo, o Plan Concellos terá unha dotación de 9,5 millóns de euros para emprego, 30 para investimentos e 3,9 millóns para actividades e gasto corrente.
A presidenta fixo fincapé en que os concellos reciben “moitos máis recursos agora que fai catro anos”. Neste eido, recordou que “no 2015, ao ser época electoral subiron as transferencias ata os 30 millóns de euros, incluíndo a Vigo e a Pontevedra, pero que nos outros anos estaban en torno aos 20 millóns. Iso, fronte aos 40 que achegamos nós no 2016 co Plan Concellos e que fomos aumentando cada ano ata chegar aos 43,4 que destinaremos no 2019”.

No caso dos servizos, Medio Natural e Desenvolvemento Rural terá no 2019 un orzamento de 1,8 millóns de euros. Así, aumentarase o gasto nas tarefas de prevención de pragas así como nos orzamentos para Mouriscade, que se incrementa nun 2,5%, e para a Estación Fitopatolóxica do Areeiro que terá un 5,8% máis que no 2018.

En canto a emprego, o Deputación destinará 3,3 millóns de euros para o seu fomento aos que se engaden os 9,5 millóns para a xeración de emprego nos concellos que inclúe o Plan Concellos 2019. “Polo tanto 12,8 millóns, un 8,2% máis, para este obxectivo prioritario de fomento do emprego, apoio a empresas, pemes e persoas emprendedoras, prácticas profesionais e formación para mellorar a inserción laboral”, destacou Silva.

Pola súa banda, a área de novas tecnoloxías terá un orzamento de 5,73 millóns de euros, un 9,15% máis que no 2018, para continuar prestando os servizos para modernizar as administracións locais. Turismo recibirá 3,6 millóns de euros para seguir cos obxectivos marcados no Plan Estratéxico.

No 2019 a área de Infraestruturas recibirá 17,67 millóns de euros, cun incremento que multiplica por cinco a media de crecemento do orzamento, para seguir impulsando a política de mobilidade provincial. Neste eido, a presidenta da Deputación adiantou que a vindeira semana o vicepresidente acudirá ata Cataluña “para presumir do noso proxecto de mobilidade, ao igual que fixemos fai moi pouco tempo en Perú”.

En igualdade, unha das liñas prioritarias do goberno, o incremento do orzamento será do 8,9% ata acadar 1.273.992 euros. Carmela Silva destacou que se van manter todas as iniciativas desenvolvidas e impulsar actuacións novas. Neste eido, a presidenta adiantou que “imos crear, xunto coa Universidade de Vigo, a Cátedra e Observatorio de Estudos de Xénero xa que dende o 2011, dende a chegada de Rajoy ao goberno, deixáronse de facer enquisas para analizar a situación das mulleres en diferentes eidos e nós queremos contribuír a que haxa estatísticas claras para tomar decisións adecuadas”.

 

Pola súa banda, a área de Cohesión Social e Xuventude contará no 2019 cun orzamento de máis de 6 millóns de euros, un 7,6% máis que no 2018, e en Servizos Lingüísticos e Promoción Cultural de 4 millóns de euros, un 3,12% máis que este ano. O Museo de Pontevedra contará cun orzamento de 4,4 millóns e Patrimonio con 1,5 millóns de euros. Tamén se incrementará o orzamento da Escola de Cantería ata os 798.000 euros. Este incremento prodúcese para impulsar accións tendentes á consecución da homologación da formación impartida na escola.

En canto ao Deporte, o goberno de Carmela Silva destinará 5 millóns de euros a este servizo. Neste eido, a presidenta explicou que o orzamento contempla o financiamento do Campionato Mundial Júnior de Balonmán que se celebrará en Pontevedra e Vigo no 2019 e vai ser financiado pola Deputación de Pontevedra.

Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera asegurou que os orzamentos provinciais de 2019 son a plasmación en cifras dun programa de goberno que ten uns principios moi claros. O nacionalista destacou que un dos principais compromisos adquiridos foi dotar aos concellos de financiamento, cuestión que se está a cumprir e que “ten unha relevancia política extraordinaria”, xa que ao final do presente mandato teranse derivado aos municipios da provincia máis de 300 millóns de euros, o dobre que en etapas anteriores.

O vicepresidente explicou que dos 158 millóns de euros que se aprobarán para 2019, 80 irán para o sostemento da propia administración e os seus servizos (Príncipe Felipe, Mouriscade, Areeiro, Museo de Pontevedra, Escola de Cantería…) mentres que 78 quedan sen compromiso e irán destinados aos concellos, á Universidade, padroados, e a actuacións de mellora e mantemento do viario provincial, entre outros. Puntualmente, como transferencias directas aos gobernos locais no 2019 haberá 54 millóns de euros, ademais de outros plans de axuda.

“Está todo o orzamento posible a marchar para os concellos. Mándase o dobre de cartos que antes e estamos a facer esforzos noutras áreas como nunca se fixeran. Temos uns principios e non estamos a gastar en ‘chafalladas’ ou sobrecustes. Viñemos sabendo moi claro o que facer e estamos moi satisfeitos e orgullosos da dinámica acadada polo goberno provincial, de cambiar a Deputación como institución, e de darlle a máxima transparencia, non utilizala con fins espúreos e perversos, senón ao contrario, con liñas claras, contas claras e mirando para adiante”.

Deja un comentario